Pablo Beiro: "O primeiro encontro ante Valladolid será clave para definir obxectivos"

pablobeirorecortadaO presidente do Aldasa Amfiv, máis tranquilo unha vez que parece case seguro que a expedición viguesa poderá desprazarse sen problemas o próximo xoves en avión a Xenebra para disputar a fase final da Copa Willi Brinkmann, considera o choque inaugural ante os pucelanos como decisivo para o futuro do seu equipo na competición.

A normalidade parece volver pouco a pouco aos aeroportos europeos unha vez superada a crise que provocou múltiples cancelacións de voos e que fixo temer seriamente polo desprazamento do Aldasa Amfiv a Xenebra (Suíza) para afrontar esta fin de semana a fase final da Copa Willi Brinkmann. Iberia asegura que os vigueses non terán problemas para coller este xoves ás 6.55 da mañá o avión que lles levará a estar en terras helvéticas ás 11.10 horas logo de paso por Barallas.

Agora, moito máis tranquilo ao saber que salvo unha nova erupción volcánica non periga a presenza do seu equipo por sétima campaña consecutiva nunha fase final dunha competición continental, Pablo Beiro, presidente do Amfiv, fala sobre como afrontan os vigueses unha nova participación na Copa Willi Brinkmann. "É un torneo que nos trae á vez recordos doce e amargos. Doce porque conseguimos chegar en dúas ocasións á final e amargos porque en ambos os dous casos, nas tempada 2006 e 2008, quedamos ás portas de conseguir o título", explica Beiro.

Respecto a se o obxectivo do Aldasa é precisamente ese, levantar a Copa Willi Brinkmann, o máximo mandatario do club avoga pola prudencia e por ir paso a paso. De feito, Beiro considera que "o primeiro partido, o que xogamos o venres ás 13.00 horas ante o Fundación Grupo Norte de Valladolid, será clave para decidir os nosos obxectivos nesta cita. Neste tipo de competicións, o primeiro choque sempre é moi importante pero nesta ocasión serao moito máis posto que nos enfrontamos a un dos grandes favoritos. Vai ser un partido duro e moi complicado entre dous equipos que nos coñecemos moi ben e que xa vimos as caras catro veces esta campaña. Se conseguimos gañar, podemos optar a calquera cousa. Unha derrota deixaríanos xa sen marxe de erro e practicamente obrigaríanos a ter que vencer nos outros dous enfrontamentos e, aínda así, se Valladolid non falla, só poderiamos aspirar a ser segundos de grupo co que teriamos o cruzamento máis complicado nunhas hipotéticas semifinais".

Polo tanto, Beiro sabe que a tensión nese primeiro partido será máxima e confía en que os seus xogadores saiban temperar os nervios para lograr a vitoria. A progresión do equipo está a ser boa e todos os xogadores chegan a tope fisicamente a esta fase final da Copa Willi Brinkmann. "É importantísimo poder contar co concurso de todos. Unha das nosas grandes virtudes é contar cun amplo equipo, na que todos os xogadores son importantes e todos poden achegar cousas ao equipo. Iso ten que notarse nun torneo no que para alzar a copa hai que xogar e gañar cinco partido en menos de 48 horas", puntualiza o presidente do Aldasa.

De aí que aínda que o encontro ante o Fundación Grupo Norte sexa importante para calibrar as opcións do Amfiv tampouco vaia ser decisivo. "Non é o mesmo caso que na Copa do Rei. Aquí, se perdes, non quedas eliminado. Aínda tes dous partidos máis para pelexar o acceso ás semifinais e nós non imos regalar nada. Todo é posible mesmo caendo nese encontro. O que está claro é que empezar gañando e, sobre todo, facelo ante un rival como Valladolid sería importantísimo para a moral e para afrontar con moita máis tranquilidade os seguintes compromisos", explica o máximo mandatario do conxunto vigués, contento porque o seu equipo unha vez máis, e xa van sete consecutivas, coloque o nome da cidade e de Galicia na fase final dunha competición continental.