Cabecera Vide

A hora do Aldasa

ginebraO equipo vigués atopase xa en Xenebra para iniciar este venres ás 13.30 horas unha nova participación europea, a sexta consecutiva, coa máxima humildade pero sen renunciar a pelexar por alzar unha Copa Willi Brinkmann da que xa foi subcampión en dúas ocasións.

A máxima afirma que á terceira vai a vencida. O Aldasa sábeo e despois de quedar dúas veces ás portas de conseguir un título europeo, os vigueses pretenden facer bo o dito. Será na sexta participación continental consecutiva do club presidido por Pablo Beiro. E será na mesma competición na que o Amfiv xa quedou dúas veces co mel nos labios. Porque o conxunto de Abraham Carrión, unha vez solucionados os problemas cos desprazamentos aéreos que durante uns días fixeron temer pola súa participación, se atopa xa en Xenebra para loitar pola Copa Willi Brinkmann. A meta non será nada doada porque no camiño haberá rivais de moita entidade. O primeiro, sen ir máis lonxe, un adversario xa clásico esta campaña, o Fundación Grupo Norte este venres ás 13.30 horas. Para completar a xornada inaugural, outro prato forte, os suízos do Les Aigles de Meyrin, un conxunto practicamente descoñecido pero que xoga coa baza de ser o anfitrión desta fase final (18.00 horas). Pero é a hora do Aldasa. Os vigueses sábeno e non queren deixar escapar este tren.

Dende que se coñeceron os emparellamentos da Copa Willi Brinkmann, os pupilos de Abraham Carrión sabían que para iniciar a súa participación ían ter en fronte a un dos, a priori, rivais máis potentes, o Fundación Grupo Norte. Os pucelanos, ademais, estanse a converter esta campaña nun adversario clásico do Aldasa, ao que xa medíronse en catro ocasións, unha en pretempada, dous na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas e unha terceira nos cuartos de final da Copa do Rei, cun equilibrado balance de dous triunfos e dúas derrotas para cada equipo. Así, a competición europea resolverá o momentáneo equilibrio de resultados entre ambos os dous conxuntos. Ao menos momentaneamente xa que, dependendo do que suceda nos seguintes compromisos, pucelanos e vigueses poderían aínda atoparse unha vez máis. Sería na gran final.

Nos días previos ao desprazamento a Xenebra, Abraham Carrión, adestrador do Aldasa Amfiv, resaltara a importancia de empezar con bo pé un torneo destas características, tanto polo importantísimo factor anímico, especialmente ao ter enfronte a un rival como Valladolid, como, sobre todo, para dispoñer de certa marxe de erro nos dous seguintes compromisos. Malia todo, o preparador andaluz do conxunto olívico tamén é plenamente consciente de que "o primeiro partido non será decisivo e, por iso, aínda que imos loitar a tope pola vitoria tamén é posible que non mostremos todas as nosas armas e que gardemos algunha posible variante táctica coa que poder sorprendelos se temos que volver vernos as caras na final". Sen dúbida, a sorpresa sería un factor moi importante e a ter en conta entre dous equipos que se coñecen case á perfección.

Ninguén no Aldasa dubida a estas alturas da calidade individual das tres estrelas dos pucelanos: Tristan Knowles, Salvador Zavala e Dan Highcock. Pero tamén saben os pupilos de Carrión que se conseguen minimizar a achega de polo menos dous deses tres elementos, as súas posibilidades de debutar con triunfo nesta fase final europea multiplicaranse exponencialmente.

Pase o que pase nese primeiro encontro da Copa Willi Brinkmann, e case sen tempo para recuperarse dun partido que, seguro, vai ser intenso e disputado, o Aldasa terá que afrontar ás 18.00 horas a súa segunda cita nesta competición. Será, ademais, ante os anfitrions, os suízos do Les Aigles de Meyrin, un adversario que no 2006 estivo en Vigo disputando a fase final deste mesmo torneo e que finalizou na sexta praza. A falta de referencias sobre o rival convérteo nunha auténtica incógnita. O que si é seguro é que o maior coñecemento da pista e o apoio da súa afección xogará a favor dos suízos.

O Amfiv, pola súa banda, sabe que pechar a primeira xornada con dous triunfos sería un paso decisivo para as semifinais e case seguro para rematar como primeiro de grupo e asegurarse un cruzamento a priori máis accesible. Mentres, unha vitoria deixaría todo aberto para a xornada do sábado, na que os vigueses se medirán ao Capsaaa francés ás 9.30 horas, e pechar o primeiro día en branco obrigaría a ter que gañar aos galos no último choque do grupo e esperar a carambola no resto de resultados. Pero o Aldasa sabe que é a súa hora. E á terceira vai a vencida.

 CADROS (83.26 kB)