Avanzan todos os favoritos á fase polo título na Vigo Cup 2012

Concluíu onte a primeira parte da Vigo Cup, a que decide os equipos que pasan á fase polo título e os que xogan a de consolación. A fase previa da Vigo Cup foi practicamente un modelo de exquisitez deportiva, logo de 326 encontros programados e resoltos con poucas incidencias.

De hoxe ao domingo, os cadros marcan 89 partidos polo título e outros tantos de consolación porque a competición non para. De feito, hoxe mesmo xóganse as semifinais femininas e coñeceranse os dous primeiros finalistas da Vigo Cup 2012.

Damas. A sorpresa histórica da derrota do Olivo ante o Choco o martes quedou minimizada onte. As redondelanas non pasaron do empate (1-1) contra o ponteareán Sporting San Mateo e deixáronse o liderado, que El Olivo non desaproveitou: dobre 5-0 ante Concello de Mos e Espartanas. No grupo B, o San Lorenzo de Ponteareas, que xoga reforzado con Joana Montouto (ex Olivo e ex Espanyol), rematou primeiro contando os seus tres partidos por vitorias. Segundo foi o Lavadores, que perdeu contra Montouto e compañía (4-1). Así, haberá duelo vigués nunha semifinal (Olivo-Lavadores) mentres Choco e San Lorenzo buscarán a outra praza para o domingo en Balaídos. Hoxe (20:30), Navia será o escenario das "semis".

Sub 16. Unha fase final moi forte espera na categoría. E o Escola de Futebol 115 pode presumir de máxima rendibilidade do seu gol, o seu único tanto en tres partidos. Necesitaba vencer para asegurarse a clasificación, e Tiago Ribeiro resolveu na primeira metade. O marcador xa non se movería. O premio para os lusos, o seu pase á eliminatoria previa de hoxe, é moi envelenado: o sorteo de cruces deparou que a Cultural Leonesa (hoxe, 12:30, Comesaña) sexa o seu adversario nesta primeira rolda polo título. O Coruxo A pasa como segundo e evita ao Areosa, vixente tricampión do torneo. Mercantil e Victoria, que unha hora antes empataran dando o pase matemático ao Coruxo sen saltar ao terreo de xogo, vanse á consolación. Nesta xornada final apenas houbo sorpresas. Nos grupos B e C houbo intercambio de cromos. Santa Mariña e Leonesa chegaban como líderes, non pasaron do empate ante San Miguel A (2-2) e Muebles San Benito (1-1), respectivamente, e foron superados como campións de grupo polo Liceo Sport de Madrid e o Areosa B. No grupo F, o A.J. Lérez quedou ás portas. A súa derrota contra o Balaídos na Guía (1-0) deixouno fóra da fase boa nun grupo F cómodo para o Colexio Hogar. Os cruces ofrecen eliminatorias moi variadas. Meteuse o único representante ourensán, o Celanova, por mellor gol-average nun triplo empate, o Ponteareas, dous equipos doutras comunidades (Liceo Sport e Leonesa), os dous conxuntos do norte de Portugal (EF 115 e Fernando Pires) e seis formacións de Vigo. Ponteareas, Balaídos, Colexio Hogar e Celanova evitan o cruzamento previo e entran en cuartos, que se xogan mañá venres. Hoxe, Comesaña (Liceo Sport-Pires, 11:30; EF 115-Leonesa, 12:30) e Bouzas (Areosa B-Coruxo A, 11:30; Areosa A-Santa Mariña, 12.30) verán os cruces.

Sub 14. O Celta defendeu o seu título e pasa como primeiro de grupo E por un só gol de diferenza fronte ao TEM Sport valmiñorano. Os célticos venceron ao Alerta Navia A (3-0) e o TEM Sport ao Sárdoma (5-0). A Cultural Leonesa tamén coou ao seu equipo nos cruces: impúxose ao Coruxo B (1-8) e agora atopa ao Santa Mariña hoxe mesmo (10.30, Comesaña). No B, Victoria e Mercantil golearon e deixaron fóra ao San Miguel no triplo empate por diferenza de goles. Os campos de Comesaña e Bouzas reciben hoxe a primeira rolda ás 9:30 (Vitoria-TEM Sport e Choco-Colexio Hogar) e 10:30 (Celta-Mercantil, Bouzas).

Sub 12. Nunha xornada marcada polas numerosas goleadas, o Celta, defensor do título, meteu ao seu equipo como primeiro e evitou a primeira rolda. A competición promete: a Leonesa clasificou aos seus dous equipos, o A como segundo de grupo e o B como primeiro, o Celta ás súas dúas escuadras e o Salamanca Monterrey terminou primeiro do F. O Celanova, Goián, Casa Paco e Tyde danlle máis empaquetado a uns cruces que hoxe gozarán de primeira rolda e oitavos sen pausa entre o Municipal Pahíño (Navia) e A Bouza (Coia).

Sub 10. Dous equipos de León (Cerecedo e Leonesa), un de Pontevedra (Lérez) e dúas de Redondela (Casa Paco e Choco Irmáns Virulegio) intentarán dar o contrapunto á Armada viguesa, encabezada polo Celta, vixente campión e que sumou 36 goles a favor por un só en contra. Areosa e Victoria A, que pasan como primeiros nos grupos F e G gañándoo todo, son as mellores defensas: marcaron 22 e 15 tantos, respectivamente sen recibir unha diana en contra.

Sub 8. Victoria A, Coruxo B, Rápido de Bouzas e San Miguel verán hoxe os touros dende a barreira porque non empezan ata cuartos, mañá. No Vao, hoxe xóganse da rolda 1 os partidos Areosa-Colexio Hogar (17:00), Santa Mariña A-Sárdoma (17:00), Lérez-Mercantil (17:45) e Sporting Guardés-Balaídos A (17:45). O Santa Mariña defende o campionato de 2011, mentres que o Rápido, campión en 2009, tamén meteu a cabeza. Dos representantes do Baixo Miño (Guardés, Alameda e Tyde), só o Sporting Guardés meteuse, e a pesar de perder ante o Colexio Hogar (2-3), que se xogaba a clasificación. O Lérez pontevedrés gañou de novo (1-4 ao Sárdoma) e presentou a súa candidatura.

Sub 7. Os protagonistas da final de 2011 están en cuartos. Victoria A e Tyde foron a cuartos, hoxe, con incrible solvencia e ningún gol en contra por 21 e 20 a favor. Ollo que, se o conseguen, poden repetir final. Con permiso doutra defensa que funciona, a do Santa Mariña A (15-0), que vai pola parte de arriba co Victoria. Mañá será xornada de descanso e as semifinais, o sábado. A xornada de onte foi brutal: sobre dez partidos programados, nove acabaron en goleada. O Vao acolle os cuartos: ás 19:15, Coruxo-Lérez e Tyde-Pereiró; ás 20:00, Victoria A-Gran Peña e Santa Mariña A-Sárdoma.

Resultados_Vigo Cup_2012 tras jornada 3 (120 kB)

Cuadros_fase_final_Vigo Cup_2012.xls (687 kB)

Cuadros_fase de consolación_Vigo Cup_2012 (278 kB)