O colexio Martín Códax impúxose na exitosa Liga Escolar de natación, a continuidade da cal garantiu Abel Caballero

natacionA Liga Escolar de natación, patrocinada polo Concello de Vigo baixo a organización técnica do Club Natación Vigo Rías Baixas, pechouse este domingo con cheo total na bancada da piscina do Carmen, no complexo de As Travesas, e triunfo final para o colexio Martín Códax.

Máis de douscentos nenos e nenas dunha trintena de centros de ensino público e concertado competiron durante a mañá nas dúas probas fixadas: 25 metros libres e 25 costas (o longo da piscina). Finalmente, tras a suma das tres xornadas disputadas dende febreiro, o Martín Códax era primeiro e campión, seguido polo CEIP Canicouva e o CEIP García Barbón, terceiro. O Martín Códax, ademais, levaba o trofeo ao centro que máis nadadores achegou a esta liga, con corenta e dous.

O club organizador coidou que a xornada fose brillante e conseguiuno máis alá de qué centro de ensino se alzaba co título. Porque os máis estrondosos aplausos foron para nenos e nenas que, en especial na modalidade de costas, "sufrían" para rematar o seu percorrido. As monitoras do club non cejaron no seu alento para que concluísen a proba, e o público asistente soubo premiar o esforzo.

A xornada supuxo, en fin, unha exhibición do músculo da natación local entre o grande crisol de modalidades deportivas que se practican en la cidade. E o alcalde, Abel Caballero, que estivo acompañado polo presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Manel Fernández, entendeu o éxito desta idea. "A cidade está moi contenta con todos vós", dixo dirixíndose aos participantes, aos que pediu un aplauso para os seus familiares polo esforzo que tamén fan cada fin de semana acudindo ás competicións dos seus fillos, solicitando despois a reciprocidade do graderío polo desempeño dos colexiais.

O xefe do goberno municipal recoñeceu ante uns 400 espectadores que esta liga era "unha moi boa idea que procederemos a repetir" no próximo curso escolar 2014/2015. Aos nenos díxolles que agora era xa momento de descansar e gozar das vacacións e que a partir de setembro volvería esta competición "pero non con tres xornadas, senón con catro ou cinco" datas.

O evento, que contou co impulso da Concellaría de Deportes, tamén tivo a colaboración da federación de pais e nais (Foanpas), o IMD e a Fundación VIDE.