Cabecera Vide

Andrés Lorenzo, xinete vigués adestrado por Carlos Domínguez, subcampión de España alevín

carlosDurante a Semana Santa disputáronse no Centro Hípico Dehesa Montenmedio, en Vejer de la Frontera (Cádiz), os Campionatos de España de salto de obstáculos para novos xinetes.

Galicia conquistou unha soa medalla, de prata, pero que representa moito para Vigo.
O vigués Andrés Lorenzo (na imaxe, á esquerda), adestrado polo tamén vigués Carlos Domínguez, alzouse co subcampionato de España alevín.

Lorenzo, con "Benny de Leure", chegou á última proba sen penalizacións do mesmo xeito que outros catro binomios. O galego asinou un dobre cero nos seus percorridos que só puido igualar outro rival, Carlos Lange ("High Dream de Triviera"), cun cabalo que lle cedeu para disputar o campionato José González Pastor. Entón foi necesario recorrer a un desempate que abriu o xinete de Mijas. Lange rematou novamente sen derribas e nun tempo de 43,08. Andrés Lorenzo, pola súa banda, tentou rebaixar o crono do andaluz, pero tras unha falta terminou o percorrido sen tomar riscos nas voltas. A madrileña Carmen García-Torres, con "King Echanteur", foi medalla de bronce.

Carlos Domínguez, que estivo en Montenmedio animando ao seu alumno, adestra a Andrés Lorenzo en Establos Vigo, as instalacións que o xinete de Copa do Mundo ten en Zamáns.