Cabecera Vide

A bolseira VIDE Xisela Aranda, bicampioa de España de squash, agora no circuíto mundial

xiselacampioa1Xisela Aranda (Vigo, 1986), bolseira VIDE dende 2007, proclamouse este domingo campioa de España absoluta de squash por segundo ano consecutivo tras derrotar por 3-0 na final a Luz María Etchechoury, arxentina residente en Madrid.

Aranda, do Vigo Squash, é a número 1 do ranking nacional e capitá do equipo español de squash e nas pistas de Milladoiro primeiro e despois na de cristal de Área Central, en Santiago, amosou novamente o seu nivel ao imporse a todas as súas adversarias directas, xa que o cadro non beneficiou á primeira favorita. En oitavos de final, a xogadora viguesa bateu a Belén Etchechoury, irmá da finalista, para eliminar a Laura Alonso en cuartos (é a número 3 do equipo nacional) e a Estela Carbonell en semifinais (número 2 da selección española).

A todas elas venceunas por tres sets a cero, alcanzando a finalísima diante de Luz María Etchechoury. “Tocoume un cadro moi complicado e cheguei á final logo de cruces duros”, lembra a internacional viguesa. Pero tampouco houbo cor: 3-0 e novo título tras o conseguido en Paterna 2010. Xisela leva catro finais consecutivas do Nacional absoluto e xa dous títulos.

“Este é o meu mellor ano. Ademais de gañar o Campionato de España agora e a Copa de España en Tenerife, o sétimo posto coa selección no Europeo está moi ben. Ademais, estou a xogar ben, estanme saíndo as cousas”, sostén.

Circuíto mundial. Pero Xisela non para. Este luns xa gañou o seu primeiro partido da previa do torneo Cidade de Santiago, do circuíto mundial profesional feminino (WISPA). Impúxose en Milladoiro á francesa Oxiane Ha-Uh por 3-0. Hoxe, xa na espectacular e vistosa pista de cristal de Área Central xogará ante a británica Rachel Wilmott (16:45 horas) cunha praza para o cadro final en xogo.

Hugo Varela. No cadro masculino do Campionato de España, o vigués Hugo Varela (Vigo Squash) chegou a cuartos de final. Eliminou en dezaseisavos a Andrés Muñoz (3-2) e en oitavos a Javier González (3-0), pero en cuartos caeu 3-1 ante Leandro Romiglio (Squash Santiago), despois finalista. Campión, por novena oportunidade, sería o santiagués Borja Golán (Squash Santiago), ao vencer a Romiglio por 3-0. O campionato estatal disputouse en Santiago dende o pasado xoves nas instalacións do Squash Club Santiago e na pista de cristal instalada no centro comercial Área central. Ata Santiago desprázaronse participantes de todo o territorio nacional, participando 78 xogadores en categoría Masculina e 32 xogadoras na categoría feminina.