Cabecera Vide

O Iveco Uvigo ficha a un pilier arxentino con pasaporte italiano, Gonzalo Escobar

gonzalo_escobar1Nova fichaxe para o Iveco Universidad de Vigo, pechacancelas da Liga Renfe de rugby.

Gonzalo Escobar xa poderá debutar no partido da fin de semana, básico, fronte ao Sanitas Alcobendas, penúltimo clasificado.

O Universidade de Vigo Iveco chegou a un acordo para contratar ao primeira liña arxentino con pasaporte italiano Gonzalo Escobar, proveniente do Shannon Rugby que disputa a liga amateur irlandesa (Ulster Bank League). O pilier dereito, que chegou a Limerick case ao remate da tempada pasada, estivo na órbita do Munster da Liga Celta, pero finalmente chegará a Vigo cun contrato de proba dun mes e coa idea de ocupar un posto clave que non se atopaba cuberto.

Fontes xornalísticas afirmaban cando ía comezar a tempada irlandesa que o maior problema de xogador era que tiña un inglés "limitado", segundo se recolle en www.irishrugby.ie. Gonzalo é un xogador de gran envergadura física, con 1,89 metros de altura e 119 quilos. Antes de recalar no Shannon, proviña do Club de Rugby Ateneo Inmaculada (CRAI) de Santa Fe (Arxentina) onde se iniciou no xogo do rugby, para logo competir polo Duendes RC de Rosario (Arxentina) co cal consagrouse campión nacional de clubs.

Ao ter a nacionalidade italiana non ocupará praza de estranxeiro, e ao estar enviado o transfer estará en condicións de disputar o seu primeiro partido ante Alcobendas Rugby este domingo, polo que mañá xoves xa estará a disposición de David Monreal para realizar o seu primeiro adestramento co equipo vigués.

Unha vez máis o Vigo Rugby Club debe agudizar o enxeño á hora de reforzar o equipo, aproveitando os contactos dentro do rugby e a popularidade do club, xa a nivel internacional, grazas en gran medida á presenza de Norm Maxwell.

Despois de seis xornadas, o Iveco perdeu todos os seus partidos (0-6) aínda que ten 3 puntos e está a outros tres do Alcobendas.