Cabecera Vide

Modificacións no calendario do Aldasa Amfiv, que non voltará a Bouzas ata decembro

julioCambios na disputa das vindeiras xornadas do Aldasa Amfiv en División de Honra de cadeira de rodas e que afectan aos seus partidos diante do CAI Zaragoza e do CID de Xetafe.

En principio, segundo o calendario inicial o conxunto vigués tiña que desprazarse esta fin de semana a Zaragoza para disputar a terceira xornada da máxima competición nacional.

Con todo, como os maños unicamente podían dispor de pista para medirse co Aldasa mañá domingo pola mañá, a dirección deportiva do Amfiv púxose en contacto cos responsables do CAI para intentar trasladar o choque a outra data. Chechu Beiro desexaba evitar que os xogadores vigueses que o luns á primeira hora teñen que acudir aos seus postos de traballo chegasen co tempo xusto tras unha longa viaxe en autobús. Dende o primeiro momento, a predisposición do CAI a realizar este cambio foi máxima, co que quedaba buscar unha data libre para trasladar a cita.

Como a Liga deixara libres os días 12 e 13 de novembro para unha posible concentración preparatoria da selección española, non houbo atrancos. Tras obter o necesario visto e prace da Federación Española de Deportes de Persoas con Discapacidade Física (Feddf), o Aldasa e o CAI Zaragoza disputarán o seu encontro correspondente á terceira xornada o vindeiro sábado día 12 de novembro ás 18.15 horas na capital aragonesa.

Non é esa a única modificación do campionato. A disputa dos diferentes campionatos preolímpicos propiciou que o calendario do Amfiv sufra outra modificación, nesta ocasión a petición do CID Casa Murcia de Xetafe. Os madrileños poden perder a Josuah Turek ou Bill Latham (chamados por Canadá e Australia, respectivamente), polo que solicitaron o adiamento dos seus partidos correspondentes á terceira e a cuarta xornada, co Fundosa ONCE e o Aldasa, respectivamente, como rivais.

A mellor opción foi cambiar a orde das xornadas. O cadro de Xetafe tiña que desprazarse a Vigo na cuarta xornada e agora será o anfitrión do partido ante o Aldasa, da xornada décimo terceira, o 10 de decembro ás 18.30 horas en Xetafe. Esa fin de semana tamén hai parón ligueiro. Mentres, o Aldasa-CID queda para o 18 de febreiro de 2012 ás 18.00 horas.

Polo tanto, as siareiras e os siareiras no voltarán a ver ao Amfiv no pavillón de Bouzas ata decembro (sábado 3, Aldasa-Amiab; sábado 10, Aldasa-CID).