Cabecera Vide

VIDE asinou convenios con Faro de Vigo e o Centro Comercial Camelias nun acto con patrocinadores

firma11O presidente da Fundación Vigo en Deporte e concelleiro de Deportes do Concello de Vigo, Manel Fernández, presentou este luns o apoio a VIDE de varias firmas, ben mediante convenio, ben por doazón.

Na xuntanza, o edil municipal anunciou aos patrocinadores presentes a continuidade de varios programas para 2012.

"Non é posible manter a ilusión no deporte sen os patrocinadores, por iso a vosa colaboración é moi importante e de agradecer", subliñou o concelleiro socialista, que asinou convenios con "Faro de Vigo" e o Centro Comercial Camelias e anunciou acordos con nove firmas máis (Movisa, Frutas Nieves, Viaxes Eroski, Campos y Rial, cafetería Esquina, Avaco Equipamento Integral, Deportes Balbi, Tiempo Muerto e Doble F Sport) entre renovacións e novas empresas captadas.

O concelleiro explicou aos representantes das empresas que VIDE continuará organizando a Vigo Cup, o campus polideportivo e o programa de bolsas para deportistas individuais, "porque a intención é envorcarse coa base, e que a actual situación xeral obrigou a axustar gastos e a buscar unha rede de colaboradores nun momento que as firmas non poden achegar grandes cantidades", dixo.

Jaime Abella, xerente de "Faro de Vigo", asegurou que coa renovación do seu apoio a VIDE a través do programa Siareiros (o diario decano cede unha páxina na sección de Deportes para anunciar eventos e actividades relacionadas coa fundación) "pretendemos colaborar co deporte de base; estamos aquí para axudar e somos humildes nas nosas formulacións: os protagonistas son os deportistas e queremos que teñan o seu espello, ademais de que as empresas teñan a súa pequena fiestra aberta", subliñou.

O presidente de VIDE asinou o convenio anual con "Faro", que esta tempada ten unha mellora substancial ao incorporar a cor a un anuncio cada mes, e tamén con Ricardo Martínez, xerente do Centro Comercial Camelias, que permite o estacionamento gratuíto para siareir@s durante tres horas os días que nas Travesas hai partido do Octavio ou do Celta Bosco.

firma3Ademais, entre os afeccionados vaise sortear esta tempada un ciclomotor doado por Movisa, como en anteriores campañas, e unha viaxe (Eroski Viaxes), e gozarán de descontos grazas presentando o seu carné Siareiros en Deportes Balbi (rebaixa do 10%), Tiempo Muerto (desconto do 10%) e Doble F Sport (12%).

O concelleiro de Deportes e presidente de VIDE asegurou ás empresas que está a traballar en novos acordos con firmas de relevancia e insistiu en que "o reto non é posible sen a vosa colaboración", que agradeceu no seu nome e no do alcalde, Abel Caballero.