A pivote viguesa Begoña Fernández renova o título da Liga Feminina de balonmán co Itxako Navarra

bego1A viguesa Begoña Fernández é de novo campioa da Liga de balonmán. O Itxako Navarra proclamouse este sábado campión da Liga ABF, a máxima categoría do balonmán feminino, por segunda vez na súa historia tras derrotar ao Vícar Goya por un contundente 38-17.

As de Estella logran así o seu terceiro título da tempada tras conquistar a Supercopa de España en setembro (ante o Akaba Bera Bera) e a Copa da Raíña en febreiro (xogou a final contra o Mar Alacante).

Ademais da importancia que ten conseguir o título, a primeira praza é a única que dá acceso directo á Champions, xa que o segundo clasificado ten que superar unha fase previa.

Ata agora o equipo estellés ten no seu palmarés cinco títulos oficiais (2 de Liga ABF, Copa EHF, Copa da Raíña e Supercopa). Esté é o primeiro obtido na súa casa, no Polideportivo Lizarreria. A Liga do ano pasado gañouna en Elda, a Copa EHF en Alemaña, a Copa da Raíña en León e a Supercopa en San Sebastián.

Begoña gañou neste ano os premios de mellor deportista feminina de Vigo e a súa comarca (premio do Concello de Vigo), que recolleu en persoa, e o de mellor deportista feminina de Galicia (premio da Xunta), tamén nunha gala en Vigo pero ao que non puido asistir por estar en plena competición. En decembro de 2009 foi considerada mellor pivote do mundo tras xogar o Mundial con España.