Adeus do Iveco Uvigo ao título de campión da División de Honra B e tamén a xogar a Copa do Rei

brindisvigorugby2011Nin tres nin dous retos ata final de tempada: un só. O Iveco Uvigo non xogará a final da División de Honra B de rugby, prevista inicialmente en León este domingo, nin tampouco os cuartos de final da Copa do Rei.

 

O do partido de León sábese de forma oficial e con fallo da Española de Rugby polo medio; o do torneo do KO xa foi feito público nos medios de comunicación. O conxunto vigués, que hai dúas semanas logrou o ascenso á elite (a Liga Renfe), ten ao equipo con varios xogadores importantes lesionados e o seu adestrador, Norm Maxwell, xa voou cara a Nova Zelandia. O conxunto universitario quixo aprazar o partido final contra o Getxo, pero o equipo vasco protestou e a Federación Española de Rugby entendeu que non existen motivos para non xogar o encontro.

Na resolución da FER dise: "Ten entrada neste Comité escrito do Iveco Universidade de Vigo informando que debido a diferentes circunstancias sobrevindas a última hora, non lles é posible disputar o encontro final de División de Honra B que deberían disputar contra o Club Getxo R.T., o día 6 de marzo de 2011, solicitando que poida celebrarse nunha data posterior, se é posible antes do inicio da Competición de División de Honra da Tempada 2011/12.

O Club Getxo R.T. comunicou que non está de acordo en que se dispute este encontro noutra data distinta á establecida no Calendario.

En consecuencia, ao non existir acordo entre ambos os clubs o encontro non pode ser aprazado polo que procede dar como gañador do Campionato de División de Honra B ao Club Getxo R.T.".

O club tampouco xogará a Copa do Rei cos grandes. Rematará a tempada disputando a Copa Xunta, un torneo no que manda dende hai anos.

A boa nova foi a segunda convocatoria de Carlos Blanco con España. Regis Sonnes chamouno para xogar este sábado en Madrid fronte a Portugal no estadio da Complutense (16:00 horas), nunha nova xornada do Campionato de Europa.