Xisela Aranda (Vigo, 1986), bolseira VIDE dende 2007, proclamouse este domingo campioa de España absoluta de squash por segundo ano consecutivo tras derrotar por 3-0 na final a Luz María Etchechoury, arxentina residente en Madrid.
Aranda, do Vigo Squash, é a número 1 do ranking nacional e capitá do equipo español de squash e nas pistas de Milladoiro primeiro e despois na de cristal de Área Central, en Santiago, amosou novamente o seu nivel ao imporse a todas as súas adversarias directas, xa que o cadro non beneficiou á primeira favorita. En oitavos de final, a xogadora viguesa bateu a Belén Etchechoury, irmá da finalista, para eliminar a Laura Alonso en cuartos (é a número 3 do equipo nacional) e a Estela Carbonell en semifinais (número 2 da selección española).
A todas elas venceunas por tres sets a cero, alcanzando a finalísima diante de Luz María Etchechoury. “Tocoume un cadro moi complicado e cheguei á final logo de cruces duros”, lembra a internacional viguesa. Pero tampouco houbo cor: 3-0 e novo título tras o conseguido en Paterna 2010. Xisela leva catro finais consecutivas do Nacional absoluto e xa dous títulos.
“Este é o meu mellor ano. Ademais de gañar o Campionato de España agora e a Copa de España en Tenerife, o sétimo posto coa selección no Europeo está moi ben. Ademais, estou a xogar ben, estanme saíndo as cousas”, sostén.
Circuíto mundial. Pero Xisela non para. Este luns xa gañou o seu primeiro partido da previa do torneo Cidade de Santiago, do circuíto mundial profesional feminino (WISPA). Impúxose en Milladoiro á francesa Oxiane Ha-Uh por 3-0. Hoxe, xa na espectacular e vistosa pista de cristal de Área Central xogará ante a británica Rachel Wilmott (16:45 horas) cunha praza para o cadro final en xogo.
Hugo Varela. No cadro masculino do Campionato de España, o vigués Hugo Varela (Vigo Squash) chegou a cuartos de final. Eliminou en dezaseisavos a Andrés Muñoz (3-2) e en oitavos a Javier González (3-0), pero en cuartos caeu 3-1 ante Leandro Romiglio (Squash Santiago), despois finalista. Campión, por novena oportunidade, sería o santiagués Borja Golán (Squash Santiago), ao vencer a Romiglio por 3-0. O campionato estatal disputouse en Santiago dende o pasado xoves nas instalacións do Squash Club Santiago e na pista de cristal instalada no centro comercial Área central. Ata Santiago desprázaronse participantes de todo o territorio nacional, participando 78 xogadores en categoría Masculina e 32 xogadoras na categoría feminina.