Laura Vigoya, defensa colombiana bolseira na Uvigo, primeira estranxeira do Vigo Stick

bogota jorge forero 2010 4Primeira estranxeira da súa historia. O Vigo Stick fichou á colombiana Laura Vigoya para reforzar o seu xogo na que será segunda tempada da entidade deportiva local na OK Liga Feminina de hóckey a patíns.

O club que preside Enrique Urdiales tamén renovou ao seu adestrador, Leonardo Torres, “Tomba”, que manterá a súa dobre faceta de preparador do equipo feminino e xogador do Vigo Stick masculino na Liga Galega.

O hóckey sobre rodas galego continúa así dispondo de representación na máxima categoría por segunda campaña consecutiva. Nesta oportunidade, o técnico italo-arxentino conta coa vantaxe de que o equipo xa pagou a novatada do primeiro ano na elite, dispuxo dunha pretempada máis tranquila para planificar o traballo e, coa decisión de crear un segundo equipo feminino na Liga Galega, “Tomba” supervisará a progresión dunhas vinte xogadoras para poder rotar a titulares cando teñan problemas de lesións, estudos ou laborais. De feito, o VSK leva dúas semanas adestrando cos dous equipos xuntos no pavillón de Bouzas.

Vigoya (primeira pola dereita na imaxe) chega a Vigo ao obter unha bolsa Máster da Universidade de Vigo na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación. Cando o club decatouse de que a xogadora buscaba equipo probouna e a suramericana, que competiu no seu país nas ligas de Caldas e Bogotá e militou no FCM Rolling e no Dorado, será a primeira estranxeira do Vigo Stick. Vigoya, defensa, gañou o campionato interligas do seu país coa selección de Bogotá.