Caballero di que o carné Siareiros é "pequeno pero inmenso" porque o programa aspira a conquerir 10.000 afeccionad@s

videsiareiros1213O programa Siareiros comezou de forma oficial este martes coa presentación do novo carné para a tempada 2012-2013, que pretende conquerir o obxectivo dos 10.000 seguidores entre elite e base. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou o cartón como "pequeno pero inmenso e unha forma de ser".

Nun acto celebrado na galería de Alcaldía, coa asistencia do alcalde da cidade, Abel Caballero, o concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, Manel Fernández, e firmas patrocinadoras da iniciativa (Faro de Vigo, Centro Comercial Camelias, Frutas Nieves, Movisa e Eroski Viaxes), o novo carné, que se estreará xa no partido Octavio-Naturhouse La Rioja da Liga Asobal, este venres ás 18:00 horas.

Manel Fernández, como presidente de VIDE, anunciou ás preto de corenta entidades deportivas integrantes do programa as primeiras iniciativas desta campaña, á vez que advertiu que "hai que seguir avanzando sabendo que os tempos non son os máis desexados", e felicitando ás empresas patrocinadoras polo seu apoio e en especial a PSA Peugeot Citroën, que escusou a súa ausencia por cuestións de axenda, "e que segue comprometida co programa".

O carné, que mantén prezos dende 2007, incorpora este ano o código de barras para que os clubs e VIDE teñan á súa disposición un control de asistencia de socios e tamén un pase que frea calquera posible uso fraudulento.

Ademais, os seguidores poderán utilizar durante tres horas e de balde o aparcadoiro existente no Centro Comercial Camelias, unha medida que beneficia aos afeccionados que acoden aos encontros dos clubs Siareiros Elite que se celebran no pavillón central das Travesas.

O concelleiro e presidente da fundación tamén anunciou que haberá 30.000 euros de VIDE para pagar adestramentos no IMD dos equipos Siareiros ata idade junior. E a derradeira novidade, que se pon a disposición das entidades deportivas 60.000 boletos para o sorteo dunha viaxe ao Caribe, co apoio de Eroski Viaxes, o que suporá un ingreso extra neste mesmo ano para os clubs de 60.000 euros (cada rifa intercámbiase por unha doazón de 1 euro). O sorteo terá lugar en decembro.

"A crise non nos pode quitar a ilusión", sostivo o concelleiro, que quere relanzar o programa esta tempada e que pase dos 8.700 apoios 2011/2012 aos 10.000. "Cónstanos que os clubs están traballando niso con ilusión e esforzo".

Jaime Abella, xerente de Faro, lembrou en nome dos patrocinadores privados que "son xa dez anos facendo este programa", agradeceu o apoio do resto de empresas e reafirmou "o compromiso de Faro por estar co deporte. Faro é un máis dentro deste grupo, facendo piña no terreo de xogo que é Vigo".

Anair Lomba, "Lombi", capitá de El Olivo de fútbol, leu o manifesto de apoio á campaña de Siareiros -segundo ano consecutivo que o manifesto ratifica a posición de deportistas e clubs-, afirmando que "nun momento difícil podemos dicir que este programa é o noso nexo de unión, o noso compromiso, un salvoconducto á solidariedade". A futbolista apuntou na súa intervención que sendo Vigo "o noso terreo de xogo tócanos mover ficha e saír a competir. Pero xuntos, solidarios e imaxinativos".

Para concluír o acto, o alcalde de Vigo certificou que tras o emprego e a política social, "educación e deporte terán nos orzamentos de 2012 dúas grandes partidas", e anunciou que o deporte terá rango nunhas contas que "xa están en proceso de elaboración; agora sabemos o que temos e que limitacións hai". E mantivo que "este concello pode afrontar o futuro con certo desafogo".

O rexedor amosou o seu "inmenso agradecemento" aos patrocinadores polo que cualificou de "apoio exemplar", e asegurou aos clubs asistentes que "cando vexo a resposta da iniciativa privada sigo crendo que esta cidade é extraordinaria". Tamén tivo palabras para as firmas que xa non están e ás que "non recrimino que se tivesen que ir" porque está convencido de que "volverán axiña que a situación llo permita".

Caballero lembrou tamén ás entidades asistentes que "seguramente nos queda moito por percorrer", e que "Vigo ten que actuar máis, pero compasándoo coa marcha da vida".

O alcalde pechou o acto afirmando que nos seus encontros con clubs e deportistas "sinto a súa forza" e que "esta é unha cidade distinta, con valores de sociedade civil".

A foto de familia puxo punto e final á presentación da nova tempada, con doce clubs de elite (os do ano anterior menos o Coruxo de fútbol sala, substituído polo Mosteiro) e preto de trinta de base.