Cabecera Vide

O Aldasa volve despistarse o xusto para non poder dar a campanada ante o Fundosa

O conxunto de Abraham Carrión tivo unha vez máis contra as cordas ao líder da División de Honra durante case trinta minutos (50-49, min.28) pero dous minutos de desaxuste en defensa e en ataque acabou coas opcións dos vigueses de sumar un importantísimo triunfo (72-59).

Dous minutos son suficientes para botar por terra todo o traballo e esforzo anterior. Esta lección o Aldasa debería tela ben aprendida esta tempada, na que cedeu máis dun encontro por perder a concentración o tempo xusto para deixar escapar o encontro. De feito, canto maior é o potencial do adversario, menor é o tempo necesario para ver como o choque escapa entre os dedos. Pero non é así. Porque, unha vez máis, os vigueses foron vítimas de dous minutos tolos, sen a concentración necesaria nin en defensa nin en ataque, que un rival como o Fundosa, agora líder en solitario da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas, non deixou escapar. Dous minutos nos que un parcial de 9-0 tirou por terra todo o esforzo anterior dos pupilos de Abraham Carrión. Dous minutos que deron aire aos madrileños cando estaban contra as cordas tras un triplo de David Mouriz (50-49, min.28). Dous minutos que convertían o último cuarto nunha imposible costa arriba para os vigueses (59-49, min.31). Dous minutos, de novo.

O encontro empezou cun ritmo moi alto e o Aldasa aproveitando a velocidade de Agustín Alejos para facer moito dano nas transicións ofensivas. O subcampión do mundo sub-23 conseguía sempre chegar antes que os seus defensores, o que lle permitía anotar con facilidade. Non obstante, o conxunto de Abraham Carrión non estaba fino en defensa, permitindo anotar con facilidade ao Fundosa. Evidentemente, o intercambio de golpes ante os madrileños non conviña dado o enrome potencial do seu equipo. Por iso, como era previsible, o primeiro parcial pechouse con vantaxe local. Iso si, tras aproveitar un inoportuno regalo dos vigueses, que concederon unha canastra máis adicional ao Fundosa a escasos segundos para rematar o cuarto (21-20, min.10).

A segunda falta persoal de Alejos provocou que Carrión optase por variar a súa formulación, buscando a velocidade dos seus puntos intermedios para intentar unha defensa máis agresiva. Pero os seus pupilos confundiron a superioridade en rapidez coa precipitación e o Fundosa sacou un notable proveito diso. Os pases tolos desembocaron en numerosas perdas de balón, a maioría castigadas con canastra doada dos locais, e as ansias por explotar a velocidade no contragolpe derivaron en non pechar con autoridade o rebote propio, permitindo segundas e terceiras opcións que os madrileños non deixaron escapar. Deste modo, do 29-28 que reflectía o marcador no minuto 15 pasouse ao 41-32 do descanso.

Tras o intermedio, tocaba remar de novo para recortar a diferenza. Carrión apostou de novo por dous puntos altos e un baixo para tratar de repetir os bos resultados ofensivos do primeiro cuarto, apuntalando mellor a defensa para poder enxugar a diferenza. A aposta deu pronto os seus froitos e o Aldasa estaba de novo no partido (45-40, min.25). Tanto é así que un triplo de David Mouriz devolvía case o equilibrio ao marcador (50-49, min.28). Pero unha acción que debía ser positiva para o Amfiv volveuse en todo o contrario. A euforia por ver tan preto ao Fundosa propiciou que os vigueses perdesen a concentración durante dous minutos que resultaron decisivos. Un triplo de Baywater sen oposición iniciou un parcial de 7-0 para pechar o cuarto (57-49, min.30), ao que se uniu outra canastra máis ao comezar os dez minutos decisivos (59-49) para completar o parcial de 9-0 e converter o último período nunha complicada costa arriba.

Unha vez máis ao conxunto de Abraham Carrión treméralle o pulso no momento no que se decidía o choque, atenazado polos nervios no instante menos oportuno. Porque, sen eses dous minutos, o Aldasa entrase no último cuarto con todo por decidirse. E é que, a pesar dese parcial de 7-0, os vigueses gañaron o terceiro cuarto por 16-17. Pero non foi así e ante un rival como o Fundosa calquera desconcentración se paga moi cara, especialmente cando Baywater ten un día inspirado no lanzamento de media distancia (28 puntos con 10 de 12 en tiros de dous). Por iso, o último cuarto foi un quero e non podo dun Amfiv que recorreu á presión nestes dez últimos minutos para intentar recortar inutilmente a desvantaxe. Ao final, unha vez máis, unha derrota máis ampla do vivido sobre a pista (72-59) e a sensación de que cun pouco máis nalgúns momentos o partido podería ser outra cousa. Como mostra, o 1 de 12 en triplos dos vigueses, un equipo con excelentes lanzadores dende a liña de 6,25.

FICHA TÉCNICA
FUNDOSA ONCE: Baywater (28), Turek (12), Norris (14), Daniel Rodríguez (6), Javier Gómez (2) -cinco inicial-, Jimmy (1), David Gómez (2), Juan Carlos Gavira (4), Jaume Jambi (3).
ALDASA AMFIV: Bernabé Costas (2), Moncho Pombo (-), Leo Tahti (14), Lorenzo Envó (8), Agustín Alejos (8) -cinco inicial-, Xullo Vilas (2), Santi Comesaña (-), David Mouriz (11), Lalo (14).
PARCIAIS: 21-20, 41-32 (descanso), 57-49 e 72-59 (final)
ÁRBITROS: Ojalbo e Rios. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo sexta xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas.