Alcalde e concelleiro de Deportes amosarán o seu apoio ao Campionato de Vigo de tenis na xornada final

conveniotenisO Campionato de Vigo de tenis conclúe este domingo no Complexo Deportivo de Samil coa disputa de nove finais en catro quendas e un balance de 239 partidos xogados ao longo de dúas semanas.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, asistirán á xornada final, amosando o apoio municipal a este histórico evento, que cumpriu este verán 71 edicións.

A organización deixou as mellores finais, as tres absolutas (masculina, feminina e dobres masculino), para as 18:00 horas, e espérase unha boa asistencia de público nun día de sol e caloroso.

O apoio do Instituto Municipal de Deportes, que asinou un convenio coa Federación Galega de Tenis, permitiu a esta dispor das pistas de forma gratuíta. Con ese acordo, rubricado hai un mes polo presidente do IMD e concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e o seu homónimo da federación autonómica, José Antonio Pereiro, o Concello deixou sentado o seu respaldo a esta tradicional competición.