Suspendeuse a proba dos 10 km Praia de Samil por alerta laranxa na costa

cartel10kmsamilA primeira edición da carreira popular 10 km Praia de Samil, prevista para esta mañá, foi suspendida por razóns meteorolóxicas e recolocarase nunha nova data, do mesmo xeito que o resto de actividades paralelas que comprendía a xornada deportiva programada en Samil.

A organización atendeu con urxencia o aviso de Protección Civil comunicando a Alerta Laranxa na costa, con ventos de 100 quilómetros por hora, e tamén da Policía Local.

Así, dende a derradeira hora de onte á noite púxose en contacto cos atletas inscritos a través dun correo electrónico masivo, para facerlles chegar a decisión de suspender as carreiras e de desprazalas a unha nova data.

"Sería unha irresponsabilidade pór en risco a integridade dos asistentes a un evento deportivo ao aire libre en zona costeira", sinalouse por parte dos responsables da carreira. A cancelación tamén se anunciou na web do evento (http://www.10kpraiadesamil.com) en canto tomouse a decisión.

A organización da Media Maratón de Vigo, que é a que traballou para que esta proba resultase un éxito, conseguira 1.041 inscricións de pago para o 10.000 urbano e máis de 400 nenos e nenas inscritos nas outras actividades previas. Era a carreira do ano, con saída e remate en Vigo, con máis inscricións. Garantir a seguridade de mozas e adultos levou a tomar a decisión, seguindo as recomendacións de Protección Civil.

Dende a organización anúnciase que nesta mesma semana buscarase unha nova data para recolocar todo o programa deportivo previsto, atendendo ao calendario atlético galego e tamén ás probas de calquera tipo fixadas na cidade e en especial en Samil. Os dorsais xa retirados polos e polas atletas ao longo do serán do sábado servirán para a nova data. Os organizadores puxeron un teléfono a disposición dos participantes (651.313.779) para atender de forma directa as dúbidas que estes teñan e estiveron toda a mañá no punto de recollida de dorsais para informar in situ. Ademais, afírmase dende o comité organizador que se devolverá o prezo da inscrición a quen o desexe.

A organización, que se mantivo permanentemente en contacto co concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e cos seus patrocinadores para informarlles do ocorrido, quere agradecer aos e ás participantes a súa comprensión por este contratempo.