Cabecera Vide

A Subida ao Castro e a Carreira do Pavo xa teñen datas en decembro

solangepereiraAs dúas últimas probas do Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares xa teñen data oficial confirmada polas súas respectivas organizacións.

A Subida ao Castro, idea da axencia errepetrés, disputarase o 11 de decembro, domingo, e unha semana despois, o 18 de decembro, terá lugar a tradicional carreira do Pavo, o Gran Premio de Nadal, na Alameda e coa cobertura organizativa da delegación viguesa da Federación Galega de Atletismo. Aínda que no calendario da FGA a subida aparece o 4 de decembro, errepetrés xa comunicou ao Concello que será o 11-D.

Este ano, o campionato nado ao amparo das carreiras populares entrou na súa terceira edición con 230 participantes (continuou o seu crecemento) e unha carreira menos das oito esperadas ao pasar o Medio Maratón Cidade de Vigo a febreiro de 2012, co que non conta nas puntuacións. Pero como cada outono, a singular proba atlética que conclúe na fortaleza do Castro e os algo máis de 8 quilómetros da carreira prenavideña con pavos serán definitivas para proclamar os vencedores do circuíto.

A Subida ao Castro cumprirá en decembro o seu sexto ano consecutivo fronte á edición número 50 da Carreira do Pavo, a proba en ruta máis veterana do calendario vigués. Mentres a subida manterá en principio o mesmo percorrido dende Cánovas del Castillo, o Gran Premio variará parte do seu deseño gañando en atractivo tanto para o afeccionado como para os e as participantes.

Ano 2012. Pensando no vindeiro ano xa se coñecen dous das datas a marcar no calendario de probas populares sobre asfalto: a Vig-Bay terá lugar o 25 de marzo e a Nocturna de San Xoán o 23 de xuño.