Caballero destaca a "tremenda forza moral" do medallista paralímpico Chano Rodríguez, recibido onte no Concello

chanoregaloDespois de chegar a Peinador onde lle esperaba moita xente para animalo, o nadador paralímpico Chano Rodríguez entregou onte polo serán a bandeira de Vigo coa que foi aos Xogos de Londres e anunciou que o vindeiro ano tentará a Travesía a Nado da illa de Sálvora.

O acto tivo lugar no despacho do alcalde da cidade, Abel Caballero. O rexedor, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e os concelleiros nacionalistas Santi Domínguez e Xabier Alonso recibiron ao triple medallista nos Xogos Paralímpicos de Londres.

O nadador saiu moi satisfeito tanto pola súa colleita de metais (dous pratas e un bronce) como pola "incrible" presenza de afeccionados durante todas as xornadas, "pola mañá e polo serán", dixo.

Ademais, na capital do Reino Unido "amosouse que non é todo un asunto de diñeiro, porque coa metade do orzamento Gran Bretaña fixo uns Xogos fantásticos", explicou. E apuntou que a cidade londinense queda cunhas "impresionantes instalacións". 

Chano, que entregou a bandeira da cidade que o Concello lle deu para acudir aos Xogos, contou as súas experiencias na capital londinense e lembrou que "as medallas son moi bonitas, pero hai que curralas todos os días".

No decurso da recepción, duns vinte minutos, o alcalde recoñeceulle "a tremenda forza moral" que o deportista ten, e este anunciou que o ano que ven tentará a Travesía de Sálvora. "Fixen a de Cíes e a de Ons, e agora me queda esta", dixo Chano, que está convencido de que chegará aos Xogos Paralímpicos de Río de Xaneiro, en 2016. Daquela estará a piques de cumprir 60 anos. "Ninguén me vai superar en gañas, ilusión e traballo", comentou o deportista gaditano que leva case toda a súa vida vivindo en Vigo e que xa acumula 16 medallas dende Sydney 2000.

O Concello agasallou a Chano cunha foto en gran formato do nadador na piscina londinense cos tres metais e un pin de Vigo (na imaxe).

"Agora disfruta e descansa", comentoulle Caballero case ao rematar a recepción.