O Cidade de Vigo de ciclismo, na derradeira fin de semana do mes

A 39 edición do Gran Premio Cidade de Vigo, Díptico Ciclista de Galicia, superados diversos problemas técnicos, celebrarase finalmente os días 29 e 30 deste mes, para as categorías elite e sub 23, baixo a organización do C.C. Vigués Autronic. O programa desta tradicional carreira ofrecerá un cóctel de velocidade e montaña, en pleno centro da cidade.

A xornada inaugural desenvolverase sobre un circuíto na Avenida García Barbón, no tramo comprendido entre Santiago de Vigo e o cruzamento coa prolongación de Rosalía de Castro. Trátase dun percorrido plano -ida e volta na mesma avenida- e un total de 1.200 metros, que xa se utilizou noutras ocasións. Será a hora dos velocistas e a carreira disputarase en tres mangas, fondo, sprints e eliminación.

O domingo cambian o escenario e o formato. Abrirase a xornada cunha cronoescalada que parte ao pé da estatua do Sireno, en Porta do Sol, e conclúen no Castro, cun percorrido de 3,5 quilómetros.

Rematará a xornada, así como esta 39 edición do Gran Premio, cunha manga de fondo esixente sobre 10 voltas (22 quilómetros) ao circuíto grande do Castro, que non se utilizaba en ciclismo dende finais dos anos setenta do pasado século, con presenza de ciclistas do lendario equipo Kas, como Txomin Perurena, José Luis Viejo...

As probas disputaranse a título individual, cun premio para o mellor clasificado no cómputo final dos dous días.