Galicia, con catro xogadores do Octavio, xoga mañá fronte a Arxentina en Tui

bm galarxA selección galega segue viva. Galicia xoga mañá mércores en Tui, ano e medio despois da súa última aparición internacional. E o Academia Octavio vigués terá de novo un importante protagonismo con catro xogadores (Cerillo, Víctor Frade, Dani Cerqueira e Rafa Dasilva).

Mañá mércores (20:30 horas, entrada gratuíta) xogará Galicia contra Arxentina no novo pavillón municipal de Tui e tentará seguir coa súa boa racha de resultados.

O combinado dirixido polo vigués Fran Teixeira está formado por xogadores pertencentes a clubs galegos (Octavio, Novás, Lalín, Frigoríficos do Morrazo, Teucro e BM Chapela) e ten importantes baixas con respecto á última convocatoria internacional (maio de 2010), coma a de Iván Infestas (retirado) ou de xogadores de clubs de Asobal. Ademais tampouco estarán os tres galegos subcampións do mundo xuvenís (Pablo Cacheda, David Chapela e Tomás Moreira), xa que se atopan concentrados en Tui coa selección española xúnior preparando o Torneo IV Nacións.

Haberá tamén outra ausencia non menos importante. Alejandro López, falecido en novembro de 2010, foi o seleccionador galego xunto a Teixeira nos choques daquel ano, e será lembraso polos seus ascensos á Asobal.

A pesares diso, a selección galega tentará superar a Arxentina neste choque, no que tamén será homenaxeada a selección galega cadete masculina, que logrou o subcampionato de España a pasada fin de semana en Murcia.

A albiceleste atópase de xira en España e hai uns días disputou o XI Memorial Domingo Bárcenas, no que logrou unha vitoria contra Túnez (25-23) e caeu derrotado fronte a España (34-16). O conxunto dirixido por Eduardo Gallardo xa logrou a clasificación para os Xogos Olímpicos de Londres, tras proclamarse campión panamericano.

Precisamente, Arxentina foi o rival de Galicia no ano 2009, cando o combinado galego xogou dous partidos contra os arxentinos e con empates en ambos casos no marcador (en Ourense, 26-26 e no choque disputado en Carballo, 29-29). No ano 2010, Galicia enfrontouse a Gran Bretaña en tres ocasións (gañou os tres encontros) e fixo unha pequena xira co obxecto de promover o balonmán por todo o territorio galego. Gran Bretaña é outra selección que estará nos Xogos de Londres 2012. 

A representación viguesa non remata no Octavio. Juan Costas, adestrador do Las Cinco Jotas Lavadores (1ª Estatal), será o preparador axudante de Teixeira. E Suso Santomé, fisioterapeuta do Octavio durante anos, tamén estará na bancada.   

 Selección de Galicia (108.02 kB)

 Selección de Arxentina (46.18 kB)