Dezaoito anos despois, o Octavio xogará en Vigo diante do Atlético de Madrid na Asobal

edumolwebO Academia Octavio xogará fronte ao Atlético de Madrid o vindeiro mércores 21 no pavillón central das Travesas (20:45 horas) por ser o conxunto madrileño un equipo de competición europea.

 

Será o segundo choque consecutivo en casa da escuadra viguesa, que este venres recibe ao Antequera (20:45). Para o club que preside Javier Rodríguez, a presenza do Atlético, sucesor do Ciudad Real, supón o retorno a un enfrontamento histórico do balonmán nacional no anterior século e que rematou o 20 de marzo de 1994... en táboas. O cadro colchoneiro, naquel momento denominado Atlético de Madrid Alcobendas, empataba a 21 goles no Central. No equipo madrileño militaban Javier Valenzuela e Javier Lamarca, que logo recalarían na entidade viguesa.

Agora, cinco meses despois de que en Vistalegre se consumase a marca goleadora da historia da Asobal (52-27), os de Quique Domínguez mídense a un adversario que adianta a súa viaxe a Vigo ao xogar a fin de semana (o domingo 25) en casa a volta dos oitavos de final da Champions League, contra o Kadetten Schaffhausen suízo. Curiosamente, o Kadetten foi rival dos vigueses nos oitavos de final da Copa City en novembro de 1997.