O vigués Sebastián Rodríguez, “Chano”, rematou con seis metais os Campionatos de Europa de natación para discapacitados. Cinco medallas de ouro e unha de prata foron o seu botín na piscina de 50 metros e 10 rúas situada no Complexo de Natación Laugardalur de Reykjavik, a capital islandesa. O anterior Campionato de Europa celebrouse no ano 2001 en Estocolmo (Suecia).
Chano, deportista bolseiro por VIDE (recibiu bolsa elite ou bolsa paralímpica en 2003, 2004, 2005 e 2008), estivo pletórico e gañou tres preseas individuais (ouro en 50 libres, 100 libres e 200 libres) e outras tantas por equipos (ouro en 4x50 libres e en 4x50 estilos, e prata en 4x100 estilos, na que nadou a previa pero non a final) con España. O nadador demostrou que segue con férrea convicción a súa preparación para os Xogos Paralímpicos de Londres 2012.
Na natación paralímpica, os participantes divídense en trece clases, en función do seu tipo e grao de discapacidade. Dez delas engloban aos deportistas con parálise cerebral e discapacidade física (desde a S1 para os máis afectados ata a S10 para os máis leves), mentres que as outras tres agrupan a nadadores cegos (S11) e deficientes visuais (S12 e S13). Chano competiu en categoría S5.
Resultados: