Rápido de Bouzas B e San Esteban xogarán a final da Copa Vigo o sábado 12 en Balaídos

bou09O Rápido de Bouzas B, cabeza de serie número 1 da Copa Vigo de fútbol afeccionado e equipo do grupo 4 de Primeira Autonómica, defenderá o título de campión copeiro conquistado en 2009.

Ao golear 6-0 ao Santa Mariña (2ª Autonómica) en semifinais este pasado xoves, os de Manolo Curty repetirán presenza na final de Balaídos.

E será fronte ao San Esteban (2ª Autonómica, grupo 11), conxunto de Beade que adestra Jorge e que superou contra prognóstico ao outro equpo de Primeira Autonómica que competía no torneo local, o Alerta Traviesas, bicampeón copeiro neste século e finalista o ano pasado.

O choque decisivo xogarase no estadio municipal de Balaídos o sábado 12 de xuño, en horario a determinar polos clubs clasificados para a final e pola delegación viguesa da Federación Galega de Fútbol, que dirixe Enrique González. En principio estaba previsto para o domingo 13 de xuño, pero a coincidencia coa inauguración do campo de Navia suporá o cambio de data.

Nunha reunión este luns quedará definida a hora da final, á que o Rápido B chega tras eliminar ao Gran Pena B (1-1) nos penaltis e ao Santa Mariña (6-0). O San Esteban xogou en oitavos contra o Casabranca (2-1), en cuartos ante o Coya (2-0) e en semifinais fronte ao Alerta Travesas (2-0). O San Esteban tamén sabe o que é gañar este trofeo no século XXI: no ano 2001 venceu na quenda de penaltis ao Nieto (3-3). O Rápido B aínda está en competición oficial e ten que gañar este domingo no Baltasar Pujales ao Juvenil (17:00 horas) para asegurar a permanencia na 1ª Autonómica.