Cabecera Vide

O Rápido de Bouzas B, que defende título, xogará de local na final da Copa Vigo de fútbol afeccionado

bou2009O Rápido de Bouzas B, que este domingo salvou a categoría (1ª Autonómica) ao golear 7-0 ao Xuvenil no Baltasar Pujales, actuará este sábado como equipo local no estadio municipal de Balaídos, durante a final da Copa Vigo 2010.

Así quedou establecido este luns nunha reunión mantida polo delegado en Vigo da Federación Galega de Fútbol, Enrique González, e representantes do Rápido B e o San Esteban de Beade (2ª Autonómica), o outro equipo finalista.

Na reunión, o delegado federativo explicou aos equipos a conveniencia de modificar o día da final (estaba prevista para o domingo 13 pola mañá) para non coincidir coa inauguración do novo campo de herba sintética de Navia, o domingo ao mediodía. Aceptada a nova data, o encontro que determinará o mellor equipo afeccionado de Vigo xogarase o sábado, en Balaídos, ás 19:00 horas.

O Rápido de Bouzas B, que defende título, actuará como local pola súa antigüidade (1914) e ten a oportunidade de igualar neste século a quenda de resultados do Santa Mariña (campión seguido dos anos 2003 e 2004) e do Alerta Traviesas, campión os anos 2007 e 2008. O San Esteban gañou a Copa Vigo no ano 2001. Na imaxe desta información, un intre da final do 2009 entre o Bouzas B e o Alerta Traviesas en Balaídos. A entrada, única, custará 3 euros.