A Copa Vigo, mañá sábado ao prezo de 3 euros a entrada única entre Rápido B e San Esteban

seoaneRápido de Bouzas B e San Esteban xogarán este sábado (19:00 horas) a final da Copa Vigo 2010 de fútbol afeccionado no estadio municipal de Balaídos. O Rápido B, que este pasado domingo salvou a categoría na 1ª Autonómica, actuará como equipo local. Así quedou establecido esta semana nunha reunión mantida polo delegado en Vigo da Federación Galega de Fútbol, Enrique González, e representantes do equipo boucense e do conxunto de Beade (2ª Autonómica).

A final modificou o seu día de xogo (estaba prevista para o domingo 13 pola mañá) para non coincidir coa inauguración do novo campo de herba sintética de Navia, o domingo ao mediodía. Aceptada a nova data polas partes, fixouse tamén o prezo da entrada única, que será de 3 euros.

O Rápido de Bouzas B, defensor do título conquerido no 2009, actuará como local pola súa antigüidade (1914) e ten a oportunidade de igualar neste século a quenda de resultados do Santa Mariña (campión seguido dos anos 2003 e 2004) e do Alerta Traviesas, campión no 2007 e 2008. O San Esteban gañou a Copa Vigo no ano 2001.

Enrique González. O delegado federativo Enrique González (xusto no centro da imaxe do palco) viviu máis de vinte anos de finais da Copa Vigo. Obviamente, anécdotas hai moitas, e quédase con dúas delas: en 2006 xogouse en Barreiro, pero o partido entre Teis e Sárdoma empezou tarde porque ninguén chegou para abrirnos as portas (é un campo municipal). Iso provocou que o partido comezase unha hora tarde, cos organizadores da Copa frenéticos. Antes, en 2001, o San Esteban levouse a final a costa do Nieto tras prórroga e penaltis. Non acababan nunca cos penaltis, lembra. Foron 28 lanzamentos e, logo dun 4-4 na primeira serie, ninguén fallou ata que na novena quenda o porteiro do San Esteban, David, parou o lanzamento rival e logo marcou el o gol do triunfo.