O corpo técnico e directiva do Celta Indepo están a confeccionar o equipo da vindeira tempada, que xa comezou coa renovación de dúas xogadoras.
Noemí Jordana e Egle Stakneviciene son as dúas primeiras renovacións. Esta é nacida o 31.08.1985 en Marijampolé (LTU), pivot de 1.90 de estatura xogou en Lietuvos Telekomas Vilnius (Lituania-LMKL, 1998-2006), TEO Vilnius (Lituania-LMKL, 2006-07), Lavezzini Parma (Italia, A1, 2007-08), Club Atletico Faenza (Italia, A1, 2008-09) e o seu primeiro paso pola liga española, o Celta Indepo 09/10.
Con referencia a Noemí, esta será tamén a súa segunda tempada consecutiva pero neste caso da súa segunda etapa en Vigo; a primeira durou dende o 2000 ata o 2004; tras o seu paso por Valencia e Olesa regresou a Vigo no verán do 2009. O Celta tamén manterá o patrocinio de Indepo (terceiro ano de apoio do xerente Serafín Domínguez). A baixa xa coñecida é a de María Pina. O club, ademais, afrontará un campionato que, na pasada asamblea xeral da Federación Española de Baloncesto, aprobou que a Copa da Raíña 2011 sexa únicamente de catro equipos (o anfitrión e os tres primeiros clasificados da primeira volta) e que se xogue a Liga e Copa coas novas regras da FIBA, é dicir, coa liña de tres puntos a 6,75 metros e non a 6,25 metros como ata agora dende 1984.