Cabecera Vide

Todo a punto para a Vigo Cup, que supera os 180 equipos inscritos e comezará o vindeiro 28 de xuño

cupvigoA décima edición da Vigo Cup, torneo internacional de fútbol base, disputarase do vindeiro 28 de xuño ao 4 de xullo en dez campos de Vigo e contará con 184 equipos de 63 clubs, dos que once clubs (24 equipos) pertencen a entidades deportivas de Estremadura, Castela-León, Madrid, Canarias e Portugal.

Así o anunciou o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, acompañado polo concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e a directora xerente de VIDE, Laura Magdalena, durante a presentación do evento na sede da Fundación Vigo en deporte, organizadora do campeonato co apoio da Concellería de Deportes e do Instituto Municipal dos Deportes.

Premios VIDE. A Vigo Cup, como nos dous anos anteriores, comezará co acto de entrega dos premios VIDE, será a súa sétima edición. Este ano os galardóns, que se darán no IMD de Samil na primeira xornada matinal, recaeron no presidente do C.D. Teis, Antonio Collazo (mellor directivo), Cristo de la Victoria (mellor club) e Diego Mariño, vigués do Vilarreal (mellor sub 21), segundo anunciou o concelleiro de Deportes e presidente de VIDE. “Collazo é un home que leva toda a vida empregando horas de lecer no fútbol”, recalcou o concelleiro.

Pola súa banda, o tenente de alcalde lembrou que a Vigo Cup “é un evento consolidado, como o amosa que Diego Mariño quedou campión na primeira edición cos Yanquis de Vigo e fixádevos ata onde chegou”, o que di, explicou, “que o torneo é unha boa proba para a canteira”. Santi Domínguez incidiu en que cando en 2001 púxoa en marcha como concelleiro de Deportes, “apostamos por outro formato respecto aos torneos estatais, queríamos un torneo para premiar aos equipos de Vigo, que lles servise de verdadeira homenaxe, e que puideran competir con outros equipos de fóra”. Para o nacionalista, “os obxectivos están cumpridos e é o torneo máis importante de Galicia”.

Finais en Balaídos. Pola súa banda, Laura Magdalena explicou que este ano haberá a novidade de que todas as finais xogaranse en Balaídos, é dicir, o fútbol 7 (sub 7, sub 8, sub 10, sub 12, sub 16 feminino e Damas) e o fútbol 11 (sub 14 e sub 16). “Premiamos con isto a todos e todas as participantes”, dixo. Ademais, a organización tamén fixo outra chiscadela á igualdade de sexos. Así, a categoría sub 14 masculina pasará a ser sub 14 mixta, debido a que dous equipos pediron inscribir xogadoras e é unha idade na que a Federación Galega de Fútbol contempla tamén a competición mixta.

Trofeo á Deportividade. Por segundo ano consecutivo haberá campión da deportividade que decide posibles empates na fase previa. O comportamento dos siareiros nas bancadas tamén puntúa. “Animar aos teus e respectar ao contrario son virtudes que apreciamos”, dixo Xabier Alonso.

Campos. A Vigo Cup comezou no verán do 2001 inaugurando o Baltasar Pujales. Este ano o Baltasar Pujales, con novo céspede de herba artificial, volta a recibir equipos tras a súa ausencia do 2009. Os campos son: Balaídos (finais), IMD Samil, Monte da Mina, Baltasar Pujales, Comesaña, A Bouza (Coia), San Miguel, A Guía, O Vao e Meixoeiro.