Galicia, moi representada no Campionato do Mundo universitario, a vindeira semana nas Travesas

presentacA Federación Galega de Taekwondo presentou hoxe martes aos catro deportistas galegos que participarán no Mundial Universitario de Taekwondo de Vigo: Fernando Rascado, Fani Hernández, Juan Fernández e Rebeca Mariño.

Eles serán os deportistas, pero ademais tamén haberá presenza no colectivo arbitral, xa que a internacional viguesa María Bautista acaba de ser seleccionada para arbitrar no campionato.

Ao acto de presentación, no Centro Cultural Caixanova, asistiron, ademais dos deportistas e o seu técnico Jesús Benito; a presidenta da Federación Galega de Taekwondo, Mercé Barrientos; o concelleiro de Deportes de Vigo, Xabier Alonso; a directora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Elena Fernández; o director da área de Estudantes e Deportes da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Nombela; e o responsable de Comunicación de Pescanova, Isaac González.

Xabier Alonso, lembrou que nestas dúas semanas "temos en Vigo o Forum Fisu e a próxima semana o Campionato do Mundo Universitario, dous eventos que ningunha cidade do Estado pode organizar". Pero a pesar do importantes que son este tipo de eventos, o responsable da área de Deportes do Concello de Vigo manifestou que "o noso interese é vincular estes eventos co traballo na base, para darlle continuidade ao traballo que están a desenvolver federacións como a de taekwondo, a que teño que felicitar polo seu esforzo e entrega".

A presidenta da Federación, que comezou manifestando o seu agradecemento a todas as institucións e patrocinadores (Pescanova e Caixanova) porque “o seu apoio é imprescindible para acadar resultados”, destacou o esforzo e traballo das e dos deportistas que "ademais de grandes deportistas, son magníficos estudantes e sempre amosan un comportamento excepcional, por iso estamos sumamente orgullosos deles". Barrientos recordou que Galicia aporta un 25% do total da selección española (composta por 16 deportistas) e iso "a pesar dos atrancos e as dificultades que ás veces nos poñen". A presidenta referiuse a preselección que tivo que facer o único vigués seleccionado, Fernando Rascado, "que tivo que desprazarse a Catalunya, para enfrontarse a un competidor catalán, con árbitros cataláns... E o único que pedimos dende a Federación Galega é un trato igualitario para todos e todas e coñecer as regras do xogo antes do inicio".

A directora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva disculpou a ausencia do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, que non puido asistir por un imprevisto de última hora, e destacou a aposta do CGTD polo taekwondo, que está presente no centro dende o ano 2004, e asegurou que “a Federación Galega de Taekwondo é un exemplo de traballo, con gran despliegue de medios e o esforzo dos seus técnicos”.

Os galegos quedarán concentrados en Vigo a partires do xoves e xa terán so unha sesión de adestramento diaria, “baixando a carga de traballo, para chegar ao campionato nas mellores condicións”, explicou o seu preparador, Jesús Benito. O técnico destacou que todos eles teñen posibilidades de facer un bo papel, xa que chegan en un excelente momento de forma, pero “xa sabedes que os campionatos son algo vivo e nunca se sabe o que vai suceder, pero teñen posibilidades”. Fani competirá o día 3 de xullo, mentres que os outros tres o farán o día 4, xusto o derradeiro do campionato.

Dossier taekwondistas galegos (1.58 MB)

Selección española (93.84 kB)