Comezou o campus polideportivo de VIDE, coas prazas cubertas de novo

campusito

O campus polideportivo de VIDE, que conta co apoio dos clubs de elite da cidade, comezou hoxe e durará ata o venres. De novo, o evento cubriu as súas prazas (200) e a actividade desenvolverase no pavillón central das Travesas.

 

O éxito do campus non é achacable só a VIDE, nin moito menos, senón á vontade de todos os de elite de Vigo de traballar nun proxecto común de atención deportiva aos nenos e nenas da cidade. Porque baixo o nome de Campus VIDE figura o respaldo do Instituto Municipal dos Deportes e dos equipos máis representativos do deporte de elite local.

Así, unha das figuras do campus é o adestrador do Pilotes Posada, Quique Domínguez, quen durante cinco días modifica o seu calendario de traballo na confección do equipo do Pilotes 2010/2011 para impartir os seus coñecementos entre os 200 nenos e nenas. O técnico académico non falta nunca a esta cita na que os adestradores son de primeira fila. Baloncesto, balonmán, voleibol, fútbol sala... A proposta do campus é polideportiva, porque dende a Fundación Vigo en Deporte e os clubs enténdese que o máis saudable e formativo é que coñezan e practiquen o maior número de modalidades deportivas. De aí tamén a resposta de pais e nais. O campus leva tres cheos absolutos consecutivos.

Nesta edición, fixada para esta semana pola ocupación do IMD a pasada debido ao Campionato do Mundo de taekwondo, nenos e nenas visitarán as Cíes en dous grupos o martes e o mércores. Esta cita, tradicional xa cada verán, permite aos escolares vigueses coñecer o parque nacional e gozar dunha xornada de convivencia.

"O campus é para nós un valor engadido; VIDE envórcase en moitas frontes, pero esta é a que máis nos satisfai porque sabemos que achegamos o noso pequeno grao de area na formación das próximas xeracións de vigueses e viguesas", explica Laura Magdalena, directora xerente da Fundación Vigo en Deporte.

HORARIOS GRUPOS CAMPUS 2010 (43.97 kB)