A Vigo Cup pechou a súa décima edición co Areosa como club con máis títulos na historia

are1A Vigo Cup pechou a súa décima edición consagrando ao Areosa como o club masculino con máis títulos no torneo internacional de fútbol base.

A organización tamén confirmou que a idea exposta hai dous meses de levar todas as finais a Balaídos, grazas ao apoio do Concello e do Real Club Celta, foi óptima, colaborou coa proxección do evento e promoveu un magnífico ambiente na bancada de Tribuna, onde coincidiron siareiros de moitos equipos.

A edición de 2010, décima, permitiu ao Areosa colocarse oficialmente como club con máis triunfos. Ata agora era o Santa Mariña o que, co seu nome oficial, posuía máis trofeos (seis). O Areosa levaba cinco oficiais, porque dous máis foron conquistados polo Black Seven (así se denominaba un equipo de xogadores areosista que venceu en 2004 e 2005), pero nunha gran mañá sumou tres dunha tacada. En categoría feminina, El Olivo é o gran dominador da liguiña sub 16 e da competición de damas: gaña o torneo dende 2006 nas súas dúas divisións, sumando así dez títulos.

A organización de sete finais en Balaídos, provocou un ambiente magnífico dende primeira hora da mañá. O comité organizador lembrou, ademais, que as categorías sub 7 e sub 8, de formación, deben fomentar a solidariedade e a aprendizaxe por enriba de todo e neses dous campionatos todos os xogadores e xogadoras (son categorías mixtas) recibiron a súa medalla, coa que xa saíron ao céspede do coliseo céltico na entrega de premios. A organización tamén quixo resaltar a colaboración do colexio de árbitros e da delegación viguesa da Federación Galega de Fútbol, tendo nos seus dous responsables, Fernando Iglesias e Enrique González, a dous perfectos colaboradores.

O premio á Deportividade, instaurado o ano pasado, cobrou máis forza. De feito, na liguiña clasificatoria de categoría sub 16 deuse o caso de que dous equipos, Coruxo B e E.F. Ponteareas, remataron segundo e terceiro de grupo empatados a todo, polo que foi necesario utilizar a clasificación da deportividade, que puntúa o comportamento de cada equipo, o cadro técnico e a afección xunto cos cartóns... e pasou o Coruxo.

Tras volver utilizar este ano o Baltasar Pujales, con novo céspede sintético, para a edición de 2011 o comité organizador xa pensa en solicitar ao Concello a utilización do novo campo de Navia, o estadio Pahíño, inaugurado hai poucas datas. Porque a Vigo Cup medra cada ano. Neste, o patrocinio de Caixanova, Umbro, Coca-Cola, Vitrasa, Faro de Vigo, Deporte Galego e a Concellería de Deportes, entre outros, permitiu manter un nivel organizativo importante.