VIDE doa 112.000 euros polo programa Siareiros aos clubs de Elite e a vintecatro entidades de Base

lauraA Fundación Vigo en Deporte entregou hoxe as axudas do Programa Siareiros, tanto de Elite como de base, para un total de 35 clubs da cidade, once deles de máxima categoría.

Nun acto cos clubs nas instalacións de Begano (Coca-Cola), un dos patrocinadores privados de VIDE, a fundación que preside Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, desembolsou 112.000 euros polo número de carnés Siareiros Elite e Base que fixeron os equipos e polos adestramentos anuais das entidades deportivas de base. Neste mandato municipal e dende a chegada ao cargo de Laura Magdalena, directora xerente de VIDE, e Xabier Alonso, as axudas á base “multiplicáronse por dous”, explicou o concelleiro. Deses 112.000 euros, uns 31.000 € foron destinados a abonar as horas de adestramento dos clubs de formación nas instalacións municipais. VIDE busca con esta axuda que os clubs teñan custe cero para os seus adestramentos nas instalacións públicas

“Imos seguir traballando para que estas axudas permanezan en tempos de crise e melloren”, dixo Xabier Alonso, que lembrou que este é “un ano especial” polo premio do Consejo Superior de Deportes a Vigo como mellor cidade polo seu pulo no deporte. O presidente e concelleiro nacionalista asegurou que os máis de 110.000 euros doados “é unha contribución máis que importante, imposible sen a axuda das empresas privadas”.

Segundo Jorge Santos, director de Infancia, Mocidade e Deporte de Caixanova, que falou en nome dos patróns de VIDE, “a elite e a base son dúas caras do mesmo mundo”, e agradeceu o traballo das directivas: “O deporte desta cidade non sería o mesmo sen vós”, concluíu.

María Troncoso, responsable de Relacións Externas de Begano, asegurou como anfitrioa e en representación dos patrocinadores privados de VIDE que “dende o principio estivemos apoiando a VIDE porque cremos nela”, e felicitou aos clubs locais polo “excelente traballo que estades a facer”.

Dende a chegada deste goberno municipal hai tres anos, VIDE xa investiu preto de 540.000 euros no Programa Siareiros Elite e Base.