O Pilotes Posada acepta a saída de Juan Rentero, que deixa o balonmán por un traballo

juanJuan Bosco Rentero decidiu abandonar o balonmán activo. Hai apenas tres semanas comprometeuse ata 2012 co Pilotes, pero unha proposta laboral fíxolle reformularse o seu futuro.

"Tiven unha oferta de traballo para volver á miña casa, Madrid, e estabilizar á miña familia", dixo en rolda de prensa. Levará unha representación comercial na capital (a mesma firma na que traballa Iván Infestas) e expuxo ao club o asunto. O martes, Javier Rodríguez e Quique Domínguez tomaron unha decisión: non pór trabas ao xogador. "O que non pode ser non pode ser e ademais é imposible", sentenciou o presidente, en referencia aos anos que Domínguez lle pediu a fichaxe de Rentero.

"Nun mes demostráronme moito máis que moita xente na miña carreira", sinalou o xogador, que con 35 anos non dubidou en abandonar o balonmán.

O Pilotes baralla agora a posibilidade de fichar dous xogadores en lugar dun "porque a estas alturas non imos atopar un xogador do seu nivel". Para Javier Rodríguez, vaise "un dos mellores extremos do balonmán español".