A céltica Blanca Marcos, na preselección de España para o Mundial de baloncesto

blancamO novo seleccionador nacional absoluto feminino de baloncesto, José Ignacio Hernández, convocou a dúas xogadoras do Celta Indepo 2009/2010, Blanca Marcos e María Pina, para a preselección que preparará o Campionato do Mundo.

Delas, Marcos continuará no Bosco a campaña 2010/2011. A chamada da escolta céltica non sorprende: Evaristo Pérez, anterior seleccionador nacional, xa a tivo na preselección para o Europeo de Riga 2009, sendo finalmente unha das tres descartadas. Durante a preparación, Hernández terá que descartar a catro xogadoras.

Dáse a circunstancia de que cinco xogadoras vestiron a camiseta céltica polo menos unha tempada: Blanca Marcos, María Pina, Alba Torrens, Cindy Lima e Laura Nicholls. O Celta é o terceiro equipo que máis xogadoras achega tras Ros Casares e Perfumerías Avenida. Da lista deste ano respecto da preselección de 2009 caéronse a viguesa Tamara Abalde, mancada gran parte do ano, Isa Sánchez e Clara Bermejo. A concentración empezará o 22 de agosto e o Mundial da República Checa disputarase do 23 de setembro ao 3 de outubro.

No cadro técnico continúan a céltica Susana García, como adestradora axudante, e o preparador físico vigués Domingo Salinas. Por terceiro ano consecutivo, España convocou a unha preselección absoluta a unha xogadora céltica.

Dossier España (4.97 MB)