Os favoritos avanzan sen sobresaltos no Campionato Galego absoluto de tenis, en Samil

tennSen sobresaltos na proba feminina do LXXI Campionato Galego Absoluto de Tenis 2010, I Memorial Antonio Santorio. Na xornada de hoxe mércores as favoritas pasaron sen dificultade a rolda de oitavos de final.

Desta forma a viguesa Noemí Novo, cabeza de serie nº1, vencía sen ningún problema a Marta González Neno. Andrea Retolaza, recentemente chegada de Barcelona, segunda favorita, gañou a Gisela Amor por 6-3 e 6-1. Julia Carballal enfrontouse á pontevedresa Sara Chaves, que nada puido facer ante a experiencia e confianza nela mesma de Carballal, que gañou por 6-1 e 6-1. Eva Vilar e Alejandra Renda protagonizaron o partido máis disputado desta rolda, tendo que resolver Eva Vilar no terceiro e definitivo set por 6-1, 4-6 e 6-2. A coruñesa Natalia Galán, favorita número 6, só necesitou 50 minutos para facerse co seu partido contra María Mariño, á que venceu por 6-1 e 6-1.

O duelo entre a campioa, Patricia Vilas Ibáñez, e a subcampioa da edición do 2009, Paula Álvarez Piñeiro, resolveuse hoxe a favor de Paula. Patricia, que se resentiu xa no primeiro set dunha dor na súa perna dereita, tampouco conseguiu superar o segundo set. E Piñeiro gañou por 6-2 e 7-5. Diana Martínez de Ureca gañou de forma doada á xogadora de Sanxenxo Arancha Lamelas (6-0, 6-1) e Arianna Paules, a Paula Hernando (6-4, 6-1).

Na proba masculina, Miguel Casal, primeiro favorito, avanza firme e hoxe venceu a Jorge González por 6-2 e 6-1; o mesmo sucede con Roberto Martínez, subcampión no 2009, que se desfacía de Pablo Fernando (6-1, 6-1). O irmáns Vázquez Catoira conseguen pasar rolda, Jaime vencendo ao ferrolán Chema Fantova (6-2, 6-2) e Jaime, segundo favorito, a Francisco Cid (6-2, 6-1). Os alumnos do CGTD Pablo Lijó e Cristian González tamén acadaron os cuartos de final: Pablo, que sufriu no primeiro set, acabou resolvendo ante o pontevedrés Javi Varela, que apunta moi bo xogo, 4-6, 7-5 e 6-2. Rodrigo Figueroa venceu sen dificultade a Pablo Mosquera por 6-2 e 6-2.

Mañá xoves, os partidos comezan de novo ás 4 da tarde no Complexo Deportivo Municipal de Samil.

Galego de tenis 2010 (63.69 kB)