O presidente do Pilotes Posada pide 90 goles a Fran González na División de Honra B

manosO Pilotes Posada presentou hoxe na sede da Fundación VIDE a dous novos xogadores, Eduardo Moledo (23 anos e extremo dereito) e Fran González (37 anos, primeira liña polivalente).

González vivirá a súa segunda etapa no equipo de Quique Domínguez, pois o asturiano xa militou tres tempadas (de 2004 a 2007) no Octavio, co que conseguiu o ascenso á máxima categoría na Liga 2006-2007. González, que o vindeiro 28 de setembro alcanzará os 38 anos, asinou por unha tempada, aínda que o presidente desexa que o ano que ven estea xogando co Pilotes en Asobal.

"Ten talento, sabedoría e solidariedade", resumiu Javier Rodríguez, presidente académico, sobre o seu xogo. E amplía esa terna de virtudes explicando que "poucos teñen o seu talento, mostra unha personalidade tremenda dentro e fóra da pista, equivocándose poucas veces, e é un xogador pouco egoísta que antepón os intereses do equipo aos seus". González, que militou en Frigoríficos Morrazo e Teucro, ten unha encomenda do presidente: "Aínda que non é egoísta, na B debe rematar a tempada con 90 goles".

Rodríguez lembrou que cando Fran xogou no equipo vigués "Cerillo e Edu incháronse a meter goles con el". "Quedoume mágoa de non poder xogar en Asobal co Pilotes", recordou quen foi un dos artífices do último ascenso vigués en 2007. Agora intentarao de novo: "Non se pode dubidar de que ese é o obxectivo, pero é moi difícil", dixo.

"Estou contento coa volta de Fran porque coñece perfectamente a categoría, ten moito talento e pódenos axudar colectivamente a facer mellores aos demais", apuntou Quique Domínguez.

Moledo, forxado no Balonmán Cangas e con dous anos de contrato, chega con moita ilusión. "Vou facer o máximo e, se non xogo, será porque outro xogador estarao facendo moitísimo mellor que eu", afirmou o cangués. Para Domínguez, "Edu non é o recambio de Rentero porque xa se comprometeu connosco cando aínda estaba fichado Rentero". Quique lembrou "a gran participación" que os extremos teñen nos seus esquemas de xogo.