O C.D. Uruguay aposta polo voleibol feminino e organiza unha liga local

uruO Club Deportivo Uruguay organiza este verán na cidade unha liga de voleibol feminino sen límite de idade.

A entidade, presidida por Luis Aulet, está a poñer en marcha equipos en atletismo, voleibol, baloncesto e fútbol 7 e quere promover o voleibol feminino a nivel local. Para iso conta xa con cinco equipos que disputarán o torneo, fixado o seu comezo para o vindeiro día 31.

Club Voleibol La Guía, C.D. Uruguay, Asociación Paraguayos en Vigo, Asociación Te Amo Perú e Asociación Peruanos en Galicia son os equipos inscritos. A organización mantén aínda aberto o prazo de inscrición deste evento, para as xogadoras de voleibol sen límite de idade. A idea de organizar o torneo chegou pola crenza do C.D. Uruguay de que fai falta unha liga local feminina, pois a outra solución, a competición federada galega, é moi custosa.

A organización comunica que os partidos se xogarán nas Travesas. O C.D. Uruguay é un club polideportivo moi activo. Na pasada Vigo Cup de fútbol base, por exemplo, inscribiu varios equipos, acadando o premio á deportividade, ten un blog propio (www.deportivouruguai.com) e a súa sede social localízase na avenida de Balaídos.