Emocionante calendario do Pilotes en abril e maio, cando se decide a Liga, ao disputar tamén a Copa

quiquedominguezO Pilotes Posada disputará a Copa do Rei a catro xornadas do remate da Liga de División de Honra, que este ano se denominará División de Honra Prata.

Confirmada pola asemblea da Real Federación Española de Balonmán a participación académica no torneo do KO, os meses de abril e maio determinarán o futuro vigués. Dende que na xornada 25 (3 de abril de 2011) o Pilotes reciba ao Huesca ata que na xornada 30 (15 de maio) o equipo vigués peche a tempada contra o Torrelavega, a escuadra galega disputará un mínimo de cinco encontros en casa (catro de Liga e, polo menos, un de Copa) e dúas a domicilio.

No 2011, a Copa xogarase do 6 ao 10 de abril (mércores a domingo) posiblemente no Ifevi. Na vixésimo sexta xornada, tamén en Vigo (fronte ao Villa de Aranda), o club local deberá pedir o cambio de data para que o encontro non coincida coa disputa da Copa do Rei.

"O calendario vén imposto e os equipos son os que o fan bo ou malo. Mirade o ano pasado: parecía bo, perdes dous partidos en casa e todo complícase", explicaba Quique Domínguez en canto coñece o calendario do torneo ligueiro. Javier Rodríguez, presidente do Pilotes, lembrou que "a B nunca tivera tanto nivel; non hai ningunha María e si oito equipos con posibilidades de ascenso", concluíu.

Calendario DH Prata (286.66 kB)