A checa Hlavackova, primeira favorita do Cidade de Vigo de tenis feminino, en Samil

0tennO torneo internacional de tenis feminino Cidade de Vigo, V Copa Caixanova, comeza este sábado coa fase previa no IMD de Samil e a fase final dende o vindeiro día 27, martes, á espera da final do domingo 1 de agosto. O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, explicou que o Concello como un dos patrocinadores principais do evento continúa así na súa aposta polo deporte feminino.

O Complexo Deportivo Municipal de Samil volve recibir tenis de calidade. Tras o Campionato Galego absoluto, que concluíu o pasado fin de semana, agora é a quenda do Internacional Cidade de Vigo, a Copa Caixanova, que mañá venres comezará cos adestramentos das participantes, a súa firma e o cadro da fase previa. O campionato, presentado hoxe na sala de prensa no Concello, está dotado con 25.000 dólares en premios (uns 19.400 €) e ofrece, como cada ano dende o seu nacemento no 2002, a posibilidade de ver a raquetas internacionais en busca de valiosos puntos ao ser este un torneo da ITF puntuable para o ranking da WTA; tamén serve para que os novos valores galegos poidan enfrontarse en casa a xogadoras doutros países, o que lles permitirá gañar experiencia e seguir crecendo na súa formación.

Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, asegurou estar satisfeito por "apoiar ao deporte feminino", e valorou de forma positiva "que se sumen esforzos dende as administracións". O concelleiro asegurou que o torneo "ten moitísimo nivel e, ademais, haberá un bo retorno económico para a cidade", con 96 xogadoras de 23 países e dos cinco continentes. "Son xogadoras en fase de ir pasando ao primeiro plano internacional", explicou o edil nacionalista. De feito, a campiona individual de Vigo 2010 levará 50 puntos WTA e 2.940 dólares, mentres que a vencedora do cadro de parellas gañará outros 50 puntos e 1.176 dólares, como a subcampioa do torneo individual.

A mellor galega no ranking é Leticia Costas (número 336), que se adestra no CAR de Barcelona, e a Federación Galega de Tenis, organizadora do torneo, outorgou tres das catro "wild card" (invitacións) da fase final a xogadoras da terra: Paula Álvarez e Andrea Retolaza, como ocurreu hai uns días no Cidade da Coruña (xa eliminadas), e Noemí Novo. A cabeza de serie número 1 da proba é a checa Andrea Hlavackova (114 do mundo), asidua a torneos como Wimbledon, Roland Garros ou Australia e que este ano xa gañou en Sutton e perdeu a final en Brescia. "Temos moitas ganas de vela en xogo porque o seu historial de participacións en torneos é enorme", dixo o presidente da FGT, José Luis Ameneiro. Este ano están inscritas a subcampioa de 2009, Katie O´Brien (Gran Bretaña, 134 do mundo), e a campioa de 2008, a portuguesa Neuza Silva (328).

Pola súa banda, Lucía Molares, delegada territorial da Xunta, afirmou que o de Vigo "é un torneo consolidado e óptimo pola promoción turística de Vigo nos distintos continentes". Para ela, "Samil é un enclave perfecto", e felicitouse por "as vistas que se atoparán as estranxeiras que xoguen alí". E Jorge Santos, director de Infancia, Mocidade e Deporte de Caixanova, lembrou que o mellor xeito de homenaxear ao anterior presidente da FGT, Antonio Santorio, era "manter este campionato internacional", pois o falecido dirixente foi "o pai deste torneo". Da súa traxectoria, e da do torneo, contou unha anécdota da edición de 2007, cando unha das finalistas enfermou, a neozelandesa Marina Erakovic, e o público íase a quedar sen final. "Entón pasaba pola pista a canaria Carla Suárez e Antonio Santorio convenceuna para xogar un partido de peche de torneo aínda que non estaba inscrita... e a punto estivo de gañar".

Á rolda de prensa acudiron tamén outros patrocinadores técnicos do evento (Rodosa, Deportes Carlos Miguel e Hotel Zenit) que fixeron a foto de familia xuntos ao presidente da FGT e os outros patrocinadores.

Revista oficial do torneo (4.42 MB)