O concelleiro de Deportes asistiu ao comezo do Torneo de Reis de fútbol 8, con 250 nenos e nenas en Samil

torneo_reis_xogadaManel Fernández, concelleiro de Deportes e presidente da Fundación Vigo en Deporte, inaugurou onte xoves a terceira edición do Torneo de Reis, que organiza a Fundación VIDE e que ten o pleno respaldo da Concellería de Deportes e do Instituto Municipal dos Deportes (IMD), organismo que cede o complexo deportivo de Samil.

Na primeira xornada matinal, o campo de fútbol recibiu ata once partidos, dez deles de categoría mini (nados do 1 de xaneiro de 2008 ao 31 de xullo de 2009) e un de categoría biberón (nacidos con posterioridade a esa data).

O edil de Deportes acudiu aos partidos inaugurales para dar ánimos aos participantes e seguir in situ o torneo, que ten a particularidade de non ser competitivo (non hai gañadores nin perdedores) porque se quere que os nenos de 6 anos e menos que participan nel se divirtan e gocen co xogo sen a presión dun resultado.

Belarmino Alonso, Milucho, dirixe este campionato de fútbol 8 (sete xogadores de campo e o porteiro) que reúne nas instalacións deportivas municipais a uns 250 xogadores/as de nove equipos de Vigo e dous da comarca. En categoría Biberón, a dos máis peques, inscribíronse o Alertanavia, o Coruxo e o Vigo 2015.


Hoxe venres, dende as 11:00 horas, están programados dez encontros, un deles de categoría biberón.