Cabecera Vide

Chano Rodríguez e Begoña Fernández, mellores deportistas de 2009 na Gran Gala do Deporte Vigués

11galadeporteO nadador paralímpico Sebastián Rodríguez e a xogadora de balonmán Begoña Fernández foron distinguidos onte como os mellores deportistas de 2009 no transcurso da undécima edición da Gran Gala do Deporte de Vigo e a súa Comarca que organizan de forma conxunta o Concello de Vigo, Caixanova,  Faro de Vigo e VIDE.

A gran gala tamén serviu para premiar ás mellores promesas do ano no deporte vigués. En categoría feminina ese galardón correspondeu á atleta do Comesaña Sandra Mosquera. En categoría masculina o premiado foi Ulysses Amaral Otero.

A gala, celebrada nun concorrido Centro Cultural Caixanova, converteuse nun perfecto escaparate do mellor do panorama deportivo vigués entre os que se atopaban deportistas, técnicos,directivos e patrocinadores. Durante a cerimonia, que comezou cun sentido minuto de silencio en recordo do piragüista David Castro, falecido traxicamente onte, tamén tiveron o seu recoñecemento a Agrupación Deportiva Xogara, polo fomento do deporte en persoas maiores; Carlos Javier Colinas, pola súa traxectoria como adestrador de baloncesto; Teresa Álvarez Santamarina, pola súa dedicación á arbitraxe e voluntariado deportivo; e a Begano S.A. (Coca-Cola), con motivo de os seus cincuenta aniversario.

A festa do deporte vigués tamén quixo ter un especial recordo para as empresas que apoiaron de forma abnegada a práctica deportiva, unha circunstancia que cobra unha especial importancia nun ano de crise. É o caso de Iberconsa, polo seu apoio ao xinete vigués Carlos Domínguez dende hai 16 anos; Indepo, polo seu apoio ao C.B. Bosco de baloncesto feminino; Aldasa, pola súa colaboración co Club Amfiv; Magope, por apoiar o Club Balonmán Seis do Nadal; Calfoncal, que axuda aos clubs de fútbol e balonmán de Lavadores; e Chint, que patrocina o Club Ciclista Vigués.