Xabier Alonso di que o Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares “é unha iniciativa para quedarse no tempo”

circuito-carreiras-populareXabier Alonso, concelleiro de Deportes e presidente da Fundación Vigo en Deporte, presentou hoxe a segunda edición do Circuíto de Carreiras Populares Cidade de Vigo, unha liga pedestre que para o concelleiro é “unha iniciativa que vén para quedar no tempo”, di, especialmente “porque cada vez hai máis xente que se pon unhas zapatillas e sae a correr”. O edil subliñou na presentación que, polos premios, “o circuíto é único en todo o Estado”. Como na edición de 2009, hai 9.200 euros en premios para os tres mellores de cada unha das dez categorías, cun máximo de 1.200 para o campión e para a campioa senior e un mínimo de 100 para o terceiro ou terceira clasificada.

O concelleiro, que agradeceu a colaboración dos organizadores das carreiras (delegación viguesa da Federación Galega de Atletismo, Universidade de Vigo, Prime-Time, Club de Corredores Vig-Bay e errepetrés), asegurou que con este circuíto “aprovéitase a tradición de carreiras populares da cidade”. Unha das novidades importantes será que todos os participantes no circuíto terán “chip”, o que “para o atleta popular é moi importante” porque lle permite controlar os seus tempos.

Outra das novidades será que o Concello premiará a fidelidade ao circuíto e haberá un diploma para quen corra cinco das sete carreiras. Este ano elimínase a obrigatoriedade de correr un mínimo de probas para optar á clasificación xeral final e aos premios económicos. O concelleiro nacionalista tamén fixo fincapé en que a inscrición en cada unha das setes probas é independente da inscrición no circuíto. Outro cambio para este ano é na puntuación. Puntúan os 150 primeiros e hai unha diferenza maior entre o primeiro e o segundo clasificado.

O prazo de inscrición está xa aberto ata o vindeiro 17 de xuño. Pódese facer na web de Championchip (www.championchipnorte.com), que xestionará o circuíto, ou presencialmente na Fundación VIDE, que organiza o circuíto xunto coa Concellería de Deportes. O custo de alugar o chip para todo o ano é de 3 euros, e de 2 euros si o atleta ou a atleta xa o teñen en propiedade.

O Circuíto de Carreiras Populares Cidade de Vigo 2010 sumará as dúas medias maratóns da tempada, a XI Vig-Bay e o II Medio Maratón Cidade de Vigo. O Circuíto 2010 comezará o vindeiro 21 de marzo coa carreira 10 km. Cidade Universitaria, que discorre polo campus das Lagoas-Marcosende, e rematará o 19 de decembro coa tradicional Carreira do Pavo (Gran Premio Pedestre Internacional) na Alameda.
Á rolda de prensa asistiron Eleuterio García, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes da Universidade, e Omar Lorenzo, organizador da Medio Maratón Cidade de Vigo.