O Aldasa Amfiv desprázase esta noite a Burdeos para disputar a euroliga 1

A expedición viguesa sairá ás 22.00 horas do Pavillón de Bouzas para realizar en autobús a longa viaxe a terras francesas, onde esta fin de semana se enfrontará ao Besiktas turco, ao Elecom Roma, ao RSV Lahn-Dill alemán e aos anfitrions do Burdeos coa intención de clasificarse por primeira vez na historia do club para a máxima competición continental, a Copa de Campións.

Os excelentes resultados conseguidos nas últimas campañas tanto en competicións nacionais como internacionais provocaron que o Aldasa Amfiv suba como a escuma no ranking da internacional Wheelchair Basketball Federation-Europe (IWBF-Europe). Deste modo, a entidade presidida por Pablo Beiro ascendeu o pasado verán á décimo segunda posición da clasificación de equipos europeos, gañando por méritos propios o dereito a figurar entre os quince clubs que disputarán a euroliga 1 e que xogarán o privilexio de poder acceder á Copa de Campións, a máxima competición continental.

Dende a pasada campaña, as competicións europeas da IWBF dispútanse baixo o modelo dunha fase previa que dá acceso ás fases finais segundo o posto conseguido en cada un dos grupos. O ranking de cada equipo determina se ten dereito a participar na euroliga 3, a euroliga 2 ou a euroliga 1.  Os resultados obtidos nestas fases previas deciden os equipos participantes nas fases finais das diferentes competicións europeas que, por orde de importancia de maior a menor, son: Copa de Campións, André Vergauwen, Willi Brinkmann Cup e eurocopa.

O décimo segundo posto no ranking continental permite ao Aldasa Amfiv acceder á euroliga 1, a única fase clasificatoria que outorga o dereito a participar na Copa de Campións. Os quince mellores equipos europeos divídense en tres grupos con cinco conxuntos en cada un deles. Os dous primeiros de cada grupo accederán á fase final da máxima competición europea, que organizará o Santa Lucía italiano do 29 de abril ao 2 de maio.  Os terceiros pasarán á fase final da Copa André Vergauwen, que se celebrará do 22 ao 25 de abril baixo a organización do Mideba Badajoz. Mentres, os cuartos de cada grupo disputarán a fase final da Copa Willi Brinkmann, organizada polos suízos do Les Aigles de Meyrin tamén do 22 ao 25 de abril.

Na súa sexta participación europea consecutiva, despois dun terceiro posto e dous subcampionatos na Willi Brinkman e outras dúas presenzas na fase final da André Vergauwen, os vigueses intentarán acceder por primeira vez na súa historia á Copa de Campións, a máxima cita continental, aínda que saben que será tremendamente complicado. O sorteo da euroliga 1 colocou ao Aldasa no Grupo C, posiblemente o máis potente de todos e no que será difícil conseguir mesmo unha das catro prazas en xogo para continuar en Europa. Burdeos (Francia), Besiktas (Turquía), Elecom Roma (Italia) e RSV Lahn-Dill (Alemaña) serán os adversarios esta fin de semana dos pupilos de Abraham Carrión.

Precisamente, alemáns e italianos preséntanse como os principais favoritos deste grupo dado o seu enorme potencial, aínda que sen menosprezar os turcos do Besiktas, que xa demostraron a pasada tempada a súa competitividade ao conseguir a terceira praza na fase final da André Vergauwen Cup disputada en Vigo, incluíndo dous dos seus xogadores, Kaan Dalay e Bulent Ylmaz (Besiktas), no cinco ideal da competición. O Burdeos, pola súa banda, conta ao seu favor coa condición de anfitrión, que lle outorgará unha motivación especial e o apoio da bancada. Ademais, actualmente ocupa o terceiro posto na sempre disputada Liga Francesa con 8 vitorias e 5 derrotas.

Plenamente consciente da difícil misión que ten por diante se quere conseguir unha das dúas primeiras prazas deste complicadísimo Grupo C para acceder por primeira vez na historia á fase final da Copa de Campións, a expedición do Aldasa Amfiv partirá esta noite ás 22.00 horas do Pavillón de Bouzas para afrontar a longa viaxe en autobús ata Burdeos. Abraham Carrión contará con todos os seus xogadores para esta importantísima cita xa que, ademais dos once que se desprazan habitualmente (Vicky Alonso, Santi Comesaña, Moncho Pombo, Lorenzo Envó, Xullo Vilas, Bernabé Costas, Najib Essahiri, David Mouriz, Lalo, Leo Pekka Tahti e Agustín Alejos) nesta ocasión viaxará tamén co equipo Alberto Abalde, quen non pode facelo durante a tempada regular por motivos laborais. En principio, unha vez que o internacional marroquí Najib Essahiri está practicamente recuperado das molestias que arrastraba a pasada semana no seu cóbado dereito, a única incógnita para o técnico do Aldasa será o estado físico de David Mouriz, que dende o pasado domingo padece unha gastroenteritis.

 CADRO (84.59 kB)