O Aldasa garda o mellor para o final e despídese de Burdeos gañando ao Besiktas

besiktas2Os vigueses pecharon a súa participación na euroliga 1 co seu mellor encontro do torneo, aplicados en defensa e efectivos en ataque, para vencer os turcos (66-75) e manter esperanzas de clasificarse para algunha das fases finais das competicións continentais. Para sabelo terán que esperar á conclusión do Besiktas-Burdeos.

A inercia conseguida no partido ante o poderoso RSV Lahn DIll, que finalizou invicto a súa participación neste Grupo C da euroliga con catro vitorias na súa cuadrícula, mantívose no momento máis oportuno, o choque no que o Aldasa Amfiv se xogaba o seu ser ou non ser esta tempada nas competicións continentais e no que os vigueses ofreceron a súa mellor versión. A demostración realizada ante o conxunto xermano, ao que os pupilos de Abraham Carrión tutearon durante 30 minutos, reafirmou aos vigueses nas súas conviccións e supuxo un importante impulso moral. E iso notouse ante os turcos do Besiktas. Tanto como a necesidade de gañar para non quedar xa definitivamente descartado das fases finais dos torneos europeos.

Por eses motivos, o Amfiv saltou á pista consciente de que non podía fallar. Era a última oportunidade, a opción á que se aferrar para buscar un triplo empate que puidese permitir o pase á André Vergauwen -para a que sería necesario o triunfo do Besiktas ante o Burdeos- ou un triunfo dos galos ante os turcos que supuxese a clasificación viguesa para a WIlli Brinkmann. Iso, claro, sempre e cando os vigueses fixesen o seu traballo e gañasen.

O primeiro paso acertado para conseguilo fíxose dende o banco, cunha acertada formulación táctica. O estudio dos anteriores partidos do Besiktas permitía saber que unicamente contaban cun tirador de media distancia e que o seu xogo depende muchísimo do potencial dos seus xogadores interiores. De aí que Carrión optase por blindar o seu aro e formular unha pechada defensa en zona para controlar os pívots turcos e, ademais, para poder buscar a velocidade dos seus homes ao contragolpe.

A aposta, á que se engadiu nesta ocasión a paciencia necesaria en ataque para atopar os ocos que permitisen claros lanzamentos, deu os seus froitos, aínda que non inmediatamente. No primeiro cuarto, os homes interiores do Besiktas lograban, despois dun par de pases, recibir con claridade na zona e castigar ao Aldasa (16-18, min.10). A situación variou completamente nos dez minutos seguintes. Carrión axustou a súa zona e os vigueses creceron dende a súa defensa, podendo correr e anotar con fluidez. Deste modo, o Amfiv logrou manter o seu rival sen anotar durante case seis minutos e enganchar un parcial de 17-0 para levar o marcado de 22-18 a 22-35. Ao descanso, a renda era moi favorable (24-39, min.20).

A idea era manter a excelente liña tras a reanudación para manter unha diferenza que colocaba ao Aldasa con moitas opcións de acceder á André Vergauwen. Pero o Besiktas tamén era consciente de que se xogaba a vida e apertou en defensa. Aos vigueses custáballes xa moito máis anotar e permitiron coller aire ao seu rival, que se enganchaba de novo ao partido (47-56, min.30).

Despois de revivir, os turcos continuaron endurecendo progresivamente e loitando ao máximo cada balón para seguir recortando a renda. Ademais, os tres homes altos de Carrión estaban moi castigados polas persoais -Lalo foi excluído a falta de 3 minutos e Agustín Alejos, a falta de pouco máis dun para o final-. Malia iso, El Aldasa tivo nas súas mans conseguir unha interesante renda para ser terceiro, superando os dez puntos da súa derrota ante o Burdeos (72-82). Pero a falta dun minuto e gañando de seis, os vigueses non só non aproveitaron dous tiros libres e banda ao seu favor se non que encaixaron unha canastra nesa mesma xogada. Afortunadamente, unha grande xogada de estratexia a dous segundos da conclusión, cun extraordinario bloqueo para un triplo dende a esquina de Lorenzo Envó deixaba a diferenza final en nove esperanzadores puntos (66-75). Agora, a esperar o Burdeos-Besiktas.

FICHA TÉCNICA
BESIKTAS: Ali Alu (4), Kaan Dalay (4), Mehmet Akin (21), Aytaç Ercan (17), Deniz Arcar (5) -cinco inicial-, Bulent Yilmaz (3), Yasin Cirgaoglu (-), Cafer Yumuck (-), Cem Gezinci (14), Ahmet Mencik (-), Colack Can Polat (-).
ALDASA AMFIV: Berni Costas (7), Xullo Vilas (-), Moncho Pombo (-), Lalo (12), Lorenzo Envó (28) -cinco inicial-, Santi Comesaña (-), David Mouriz (13), Leo Tahti (4), Vicky Alonso (-), Agustín Alejos (11).
PARCIAIS: 18-16, 24-39 (descanso), 47-56 e 66-75 (final).
ÁRBITROS: Farrugia e Potsch .Eliminaron por cinco faltas persoais aos xogadores do Aldasa Agustín Alejos e Lalo.
INCIDENCIAS: Cuarto e último encontro do Aldasa Amfiv no Grupo C da euroliga disputado en Burdeos.

Anteriores resultados:

 Aldasa Amfiv, 52 - RSV Lahn-Dill, 75.

Aldasa Amfiv, 72 - Bordeaux, 82.

Elecom Roma, 95 - Aldasa Amfiv, 62.