Cabecera Vide

O programa Siareiros abriu a tempada 19/20 con máis de medio milleiro de deportistas diante do Museo Marco

IMG 0665O deporte vigués de formación, arroupado por representantes duns corenta clubs e máis de medio milleiro de deportistas, tomou este mércores as escalinatas do Museo Marco e a rúa do Príncipe no acto de apertura oficial da tempada 19/20 do programa Siareiros da Fundación VIDE, que lidera o Concello. Por segundo ano consecutivo elixiuse un escenario ao ire libre despois de anos arrincando nos pavillóns de Navia, Pista Vermella ou Bouzas.

Unha acción vistosa, con moi aplaudidas e espectaculares actuacións de hip hop e street dance da escola municipal de baile deportivo (Club Pasos Baile Galicia), deu o pistoletazo de saída a outro ano de decidido apoio ao deporte de formación. Celta Zorka Recalvi co seu primeiro equipo, Sárdoma CF, Maniotas, Club Baloncesto Seis do Nadal, Flic Flac, Loita Cidade de Vigo, Iberconsa Amfiv, FPR El Olivo, Xuvenil de Teis, Vigo Voleibol, Balaídos, Coruxo FC, Carpa, Vagalume Celtamotor, Club Freestyle Slalom Vigo... 

A cita converteuse nunha enorme manifestación da forza do deporte local.
E Abel Caballero, como convidado principal acompañado polo edil Manel Fernández, insistiu en que os mozos deportistas "sodes os e as mellores do mundo", para agradecer tamén a colaboración dos familiares, numerosos in situ, que fan posible que os nenos poidan practicar deporte. Aos rapaces e rapazas, ademais, lembroulles que "é necesario estudar". O alcalde resumiu no seu encontro co deporte vigués que haberá máis polideportivos e campos de fútbol, ademais de continuar con melloras e reformas do actual parque de instalacións.

O acto puxo o foco nas empresas patrocinadoras. VIDE reuniu un grupo de compañías viguesas dispostas a apoiar aos clubs de formación. Vitrasa, Hyupersa Vigo, Recalvi, CdeC, Gadis, Naviera Mar de Ons, Viaxes Zonda e PSA Groupe acudiron para recibir de mans do alcalde o carné Siareiro 19/20, aínda que VIDE tamén conta con Faro de Vigo, Coca-Cola, Adegas Val Miñor, Altia, Frutas Nieves, New Balance, Telepizza e CamposyRial. O propio alcalde recibiu o seu de mans do concelleiro de Deportes, Manel Fernández.

Precisamente o edil, responsable da fundación por delegación do rexedor, resumiu na súa intervención que o programa Siareiros moveu a campaña pasada a corenta clubs e 14.000 tarxetas entre Élite e Base cun retorno económico para as entidades deportivas de 70.000 euros, que se incrementarán coa entrada de máis empresas. Este ano, o carné será único, cun prezo simbólico (5 euros), e á súa presentación permitirá un desconto nas entradas aos partidos do Celta Zorka Recalvi en Navia.

Chema Rodríguez, director xeral do Grupo Recalvi, cáseque como voceiro das empresas presentes, explicaba que "o gran traballo da Concellería de Deportes e do alcalde, que está en todas, é fundamental; felicidades ás empresas involucradas porque isto é imprescindible para a saúde do deporte da cidade". Rodríguez, que foi deportista e dende a súa compañía leva máis de vinte anos patrocinando ao deporte vigués (canteira do Celta, baloncesto feminino, tiro con arco, automovilismo, bolsas...) recoñeceu que "é imprescindible que as empresas que gañamos diñeiro podamos repercutir unha parte no deporte".