O cadro feminino, a novidade do Torneo de Nadal de fútbol 8, con once equipos de categoría nacional e autonómica

Web chicasO fútbol feminino copa parte do protagonismo da nova edición do Torneo de Nadal Concello de Vigo de fútbol 8 e fútbol 11, pois por vez primeira inclúese unha categoría específica (para xogadoras de 12 anos ou máis). De feito, tres futbolistas, Anita (Ana Iglesias, Valladares) e as sardomistas Laura (Laura Martínez) e Ildara Pérez foron as futbolistas que acudiron á presentación do evento co alcalde.

A decisión municipal foi tan ben recibida polas entidades deportivas que o campionato, que se xogará no Federativo de Coia salvo a final (no Pahiño de Navia), contará con dous grupos, un con seis equipos (o A, con Sárdoma, Matamá, Alertanavia, Porriño Industrial, San Roque Casablanca e Peñasco) e o outro, o B, con cinco (Valladares, Balaídos, Sárdoma B, Agaela e Colexio Apóstol Santiago).

A resposta foi excelente: ademais dos equipos vigueses de categoría nacional e autonómica de fútbol 11, inscribíronse neste torneo de fútbol 8 clubs da cidade e da súa área de influencia que militan na Liga Galega de fútbol 7 (San Roque Casablanca, Apóstol, Peñasco, Porriño e Agaela).

A organización previu catro partidos o venres 27 (tres do grupo A e un do B) e un maratón de encontros o sábado (vinte e tres partidos, semifinais incluídas ás 20:00 horas). A final, o domingo 29 ás 11:50 horas en Navia, o campo que viviu unha tempada na máxima categoría feminina do fútbol español na tempada 2011/12.

Fase previa feminina

Fase final feminina