Cabecera Vide

Xisela Aranda, nova campioa da Copa de España de squash ante Margaux Moros

copa-espana-abs-123Xisela Aranda (Vigo, 1986) proclamouse hoxe campioa da Copa de España absoluta de squash, disputada dende o venres ata o domingo na polideportiva de Balaídos.

A xogadora viguesa, subcampioa de España este ano, faise así co segundo evento “grande” dos campionatos estatais, que suma ao título galego absoluto acadado o pasado día 10 en Santiago.

Aranda, cabeza de serie número 1 do torneo, impúxose á valenciana Margaux Moros (Club Peri Sport) por eliminación desta no terceiro set, cando a levantina, favorita número 2, sufriu mareos e vomitou na pista, probablemente polo enorme esforzo físico que o partido final estáballe supondo. Moros gañara os dous apertados primeiros sets (9-11 e 11-13, no que Xisela tivo bola de set) dunha serie ao mellor de cinco e vencía 10-11 na terceira manga, pero o seu corpo dixo basta. A regulamentación do squash prevé estes casos e a vitoria foi para a viguesa, que os dous últimos anos perdera a final contra a catalá Elisabeth Sadó.

“Por fin teño a Copa de España aínda que foi todo moi estraño. Quen me coñece sabe que me gusta gañar doutra forma; a ninguén lle gusta gañar así pero a normativa está establecida deste xeito”, dixo Xisela Aranda. A viguesa explicou que “Margaux xogou tecnicamente moi ben; eu podía xogar mellor pero me atopaba fisicamente moi ben e movina dun lado a outro. Foi un partido fisicamente moi duro e…” o esforzo físico pasou factura á levantina.

Aranda consolida así o seu primeiro posto no ranking nacional e agora preparará a proba santiaguesa do Circuíto Mundial, do 9 ao 14 de novembro próximo en Área Central. Para a xogadora do Vigo Squash “o nivel do torneo foi moi bo” e o sorteo deparou “que o cadro estivese descompensado”, porque a ela tocáronlle Ana Arosa (Squash Galaico, subcampioa galega e campioa de España sub 15, sub 17 e sub 19), Chantal Moros (Club Peri Sport, campioa valenciana e irmá de Margaux) e Sara Esperón (Squash Galaico), é dicir, un cadro difícil que superou con pulcritude.
Para 2010, as expectativas deste valor vigués son tres: “Seguir sendo a número 1 do ranking nacional nun ano moi bonito porque toca Europeo de seleccións en Francia e Campionato do Mundo en Nova Zelandia”, e espera entrar na convocatoria.

Na pugna polo terceiro posto, Sara Esperón (Squash Galaico) impúxose á catalá Patricia Piñol. En cuartos de final caera a viguesa María Dafonte (Vigo Squash), quinta nesta Copa de España.

Na final da categoría masculina, o catalán Oriol Salvia, que defendía título e era o favorito número 1, impúxose 3-2 ao castellonenco e campión valenciano Álex Garbí, número 2, por 8-11, 8-11, 11-9, 11-8 e 11-3. Foi un partido espectacular no que Oriol tivo que remontar un 0-2 inesperado. Terceiro acabou o balear David Vidal, que venceu 3-0 ao valenciano Diego López. Nas “semis”, Salvia puido con López e Garbí con Vidal, nos dous casos por 3-0.

O vigués Hugo Varela (Vigo Squash) acabou no posto 17 ao superar ao canario Jordi Bercedo (cabeza de serie número 5) por 3-2. Caer o venres nos 16avos de final (2-3 diante do santiagués Jesús Souto) privoulle de optar a unha mellor clasificación nun torneo sen galegos no podio. E iso que na xornada do sábado o vigués venceu a Dani Esperón (2-1), ao portugués Rui Soares (2-1) e a Santi Solla (2-0).
 
Á entrega de trofeos acudiron os concelleiros nacionalistas Xabier Alonso (Deportes) e Xesús López (Cultura). Antes, a final feminina foi presidida pola edil nacionalista Iolanda Veloso (Igualdade, Mocidade e Normalización Lingüística).