Imprimir

Xabier Alonso anuncia que as bolsas VIDE manterán a discriminación positiva para as mulleres deportistas

presentacionbolsasvideXabier Alonso, presidente da Fundación Vigo en Deporte, presentou  a novena convocatoria das bolsas VIDE para deportistas individuais, que estará aberta do 1 ao 28 de febreiro.

O concelleiro de Deportes destacou que “cada ano son máis os/as deportistas que solicitan esta axuda, para atender ás súas necesidades de adestramentos. Na Concellería de Deportes subimos cada ano as axudas aos clubs, pero non hai unha partida específica para deportistas de modalidades individuais, o que VIDE cobre co seu apoio”.

Como cada ano dende 2003, na convocatoria especifícanse dous tipos de bolsa, unha de base, para solicitantes menores de 16 anos (nacidos a partires do 1 de xaneiro de 1995), premiada con 1.000 euros, e outra de elite (de 16 anos ou maiores), que recibe 2.000 euros. “Sabemos que virán moitas solicitudes”, lembra Alonso (marca de 104 solicitudes en 2010), quen explicou que un xurado composto polos patróns de VIDE, o presidente e a directora xerente de VIDE, un técnico deportivo VIDE e a secretaria da Fundación avaliará en marzo todos os currículos de 2010. “Sempre é complicado á hora de elixir aos gañadores, pero esperamos acertar”, dixo o presidente de VIDE.

“Como xa ocorreu o ano pasado, en igualdade de méritos imos facer unha discriminación positiva co deporte femenino”, subliñou o concelleiro, que ademais advertiu que os/as gañadores/as de bolsas “adoitan facer mellores resultados, ou mantelos, ao ano seguinte”, e citou os casos de Lara Lagoa (windsurf), Andrea Rica e Fernando Rascado (taekwondo), Sechu López (montañismo) ou Chano Rodríguez (natación).

A gala de entrega de bolsas, que é cando se coñecerán gañadores e gañadoras, está fixada para o 14 de abril no Centro Social Novacaixagalicia. O concelleiro nacionalista incidiu en que non hai límite inicial no número de bolsas pero que habitualmente a media está en dez de elite e outras dez de base.

Dende 2003 e ata hoxe, VIDE doou algo máis de 200.000 euros, dos que se beneficiaron 91 deportistas vigueses e viguesas (54 homes e 37 mulleres).

BASES (149.19 kB)

Folla de inscrición (448 kB)

Evolución bolsas VIDE (105.57 kB)