Dezanove deportistas acadan bolsas VIDE polos seus resultados no ano 2009

Imprimir

bolseiros2010Celebrouse este venres 9 de abril a oitava edición da gala anual de entrega de bolsas VIDE aos e ás deportistas de Vigo.

Houbo algunhas sorpresas no guión, como a actuación do ximnasio Tao Clínica Luis Vilas.

No auditorio do Centro Social Caixanova, con capacidade para 360 persoas e entrada libre, o comité executivo de VIDE deu a coñecer as solicitudes, das 104 presentadas, das que 19 resultaron premiadas con 1.000 (bolsas base) ou 2.000 euros (bolsas elite) polos seus méritos deportivos obtidos en 2009.

Esta gala xerou máxima expectación (de feito, o auditorio estaba case cheo) porque nunca se presentaron tantas solicitudes na sede da Fundación como nesta convocatoria. Das 104 peticións recibidas, 54 foron de elite (22 de mulleres) e 50 de base (27 mulleres), é dicir, un 23,8% máis de peticións de bolsas sobre o ano 2009.

O acto contou coa presenza de Santiago Domínguez, tenente de alcalde de Vigo e impulsor da Fundación VIDE no ano 2002, e os membros do comité executivo de VIDE: Pierre Ianni, director da planta de Vigo de PSA Peugeot Citroën; Xabier Alonso, concelleiro de Deportes do Concello de Vigo e presidente da Fundación VIDE; Jorge Santos, director de Infancia, Xuventude e Deportes de Caixanova; María José Táboas, directora de Relacións Externas de PSA Peugeot Citroën; e Laura Magdalena, directora xerente da Fundación VIDE. O comité executivo é o que decide que deportistas consiguen as bolsas.

VIDE entregou bolsas por valor de 30.000 euros, tras determinar por unanimidade nunha reunión no pasado mes de marzo os gañadores e gañadoras das mesmas. Para tomar a decisión estudouse a traxectoria deportiva no 2009 dos candidatos e candidatas a esta axuda e neste ano cunha premisa de saída: por en igualdade de condicións ás mulleres deportistas.

Ao final foron 19 bolseir@s, dez mulleres e nove homes, 14 deportes premiados entre base e elite.

bolseiros base 2010 (77.65 kB)

bolseiros elite 2010 (89.83 kB)