O alcalde de Vigo clausurou o campus polideportivo de VIDE nas Travesas

clausura campus 2011O campus polideportivo de VIDE rematou o venres, logo de cinco días de actividade, coa entrega de diplomas e agasallos (balóns de volei-praia, baloncesto, balonmán e fútbol, ademais de lentes de mergullo) aos 200 nenos e nenas inscritos.

O alcalde da cidade, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, foron os encargados de facer entrega de 25 agasallos a sortear entre os e as participantes, que ademais recibiron tamén un diploma da organización pola súa asistencia.

Na súa intervención, Caballero aplaudiu iniciativas como esta e animou a pais e nais a seguir mandando aos seus fillos a estas actividades, nas que nenos e nenas gozaron co balonmán, baloncesto, voleibol, fútbol sala, hóckey a patíns ou béisbol, ademais de opcións de lecer como unhas horas na piscina das Travesas ou unha xornada coñecendo as Cíes. O alcalde encomiou estas xornadas de convivencia de nenos e nenas, que cada día comían xuntos nun lugar acondicionado das instalacións das Travesas.

O campus, destinado a nenos (un 70% dos inscritos) e nenas de 8 a 14 anos, contou co patrocinio de Frutas Nieves, Mar de Ons e Vitrasa, ademais da Fundación Vigo en Deporte, o IMD, a Concellería de Deportes e os patróns de VIDE (PSA Peugeot Citroën, Pescanova, Novacaixagalicia e o Concello).